O true crime e o éxito da comunicación do Celta, na Zona Pro do Carballo Interplay

O festival de contidos dixitais Carballo Interplay completa a presentación da súa programación de contidos dixitais, a falta de anunciar a Sección Oficial na categoría de series e os finalistas dos diversos premios do certame. Despois de ver como se agotan as entradas para as principais actuacións, o festival presenta os paneis da súa Zona Pro, un espazo para reflexionar e debatir sobre as tendencias na industria da comunicación e o eido dixital da man dos seus protagonistas.
Nesta XII edición do festival, que será do 24 ao 27 de abril no Mercado de Carballo, explorarase o fenómeno do true crime, o seu formato, o estilo a ambientación, así como conflictos éticos, da man de dous proxectos galegos premiados pola iniciativa Radar Podcast Spotify.
O panel será o venres 26 ás 10:00 e participarán os programas “Sofá, manta y crimen”, Ana Orellana creadora de “La crónica oscura” e Jesús Carbón, responsable de partnerships con creadores, medios de comunicación e productoras de podcasts en Spotify España.
O Celta de Vigo tamén estará presente en Carballo. O segundo panel, que será ás 12:00 centrarase na estratexia de comunicación do clube galego e do seu impacto no eido dixital. De título, “O chío, a Oliveira e as raíces. O impacto da comunicación do Celta de Vigo no sentir da sociedade galega” repasará cos responsables de comunicación as chaves do seu éxito.
A mañá rematará cun podcast en directo. O Faiado, programa galego en tendencia gañador do pitching a mellor proxecto dixital en galego (na categoría de canle) da última edición do Interplay, pechará a mañá conversando con convidados moi especiais que se desvelarán proximamente.
Esta parte de pensamento e reflexión dentro do festival complétase tamén na xornada do sábado 26 con Juana Dolores, Christo Casas e Puto Mikel, que reflexionarán no panel “Abajo el trabajo” sobre a hiperproductividade e autoesixencia nos creadores de contido. Para falar da loita antirracista e contra a xitanofobia estarán Chaimaa Boukharsa, Silvia Agüero, Lucía Mbomío e Celia Montoya no panel “Comunicar na diversidade”.