O Carballo Interplay achégase a Carballo apostando polo talento galego
Rematou a XI edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay. Unha nova edición que volve colocar a vila bergantiñá como a capital da cultura e creación dixital de todo o país. E máis que a vila, concretamente o Mercado Municipal, que se converteu nun dos axentes con vida propia. Pois do millón de cousas boas que ten o festival, a única pequena pega que se pode sinalar (pero nin sequera acusar) é a falta de implicación do tecido social carballés. E a nova localización no corazón da vila parece que serve para conectar máis coa veciñanza. Moita xente da vila vía movemento no Mercado, subía a curiosear e acababa quedando ou volvendo.
Un bo xeito de comezar o traballo que ten clara a organización para integralo máis na vila, que pasa tamén pola outra gran novidade desta edición: recoñecemento ao talento galego emerxente no ámbito audiovisual e dixital.
Despois das dúas primeiras xornadas nas que o talento galego foi o gran protagonista con varias palestras e sesións riseiras con persoeiros da nosa rede, o sábado e o domingo reservaban os pratos fortes.
O talento galego
A gala final celebrada na sesión vermú do domingo, arrincou co show “CFA. Lasamigas Productions” da man de Carolina Iglesias e Laura Márquez repasando os seus referentes e inspiracións do mundo audiovisual e dixital. Despois celebrouse a entrega de premios, nun acto cheo de risas presentado polo dúo cómico Izquierdo Sisters.
E como comentamos, unha das grandes novidades foi a aposta polo talento galego, con varios premios.
Así, o Premio a Mellor Creador e Canle de Contido Dixital en Galego, que tivo 10 finalistas tremendas, foi para a creadora de contido María Rúa, coñecida en redes como Prado Rúa, pola súa “autenticidade, carisma especial” destacado a calidade lingüística do seu contido e a “rotundidade” para defender “causas que considera xustas”, a gañadora a mellor creadora.
Ademais, na categoría de Mellor Canle en Galego o gañador foi o videopodcast “O Faiado”, realizado por estudantes da Universidade de Santiago de Compostela, por facer coas súas conversas e entrevistas “do local algo universal e viceversa” e o dominio da comunicación en redes sociais. O premio económico é de 600€ en cada categoría.
E finalmente, o Premio a Mellor Proxecto de Contido Dixital en Galego, os gañadores foron o equipo da serie “Delirio Sketch”, co seu proxecto de serie de comedia. O Carballo Interplay aportará con este recoñecemento 3.000€ destinados á produción da serie, como aconteceu este ano con “A moza que abourtou e o contou”, presentada na xornada do venres.
A webserie gañadora, tamén en galego
Das mil actividades que organiza o festival, o certame de webseries é o gran fío condutor. E este ano, por primeira vez na historia do festival un proxecto galego acada o premio a Mellor Dirección. A lucense Irene Pin levouse o galardón, dotado con 200€. A webserie “Rent-a-pal” conta a experiencia de Andrea, unha rapaza que comeza a traballar nun negocio moi singular, unha empresa de alugueiro de amigos.
O xurado, formado pola curadora de contido dixital Ainhoa Marzol, o cineasta Joel Bassaget e o artista Fran Rodríguez Casal destacou a “resistencia a adaptarse a unha estructura narrativa fácil e coñecida para tomarse o seu tempo e peitear coidadosamente os anacos contemporáneos da vida”.
Este xurado tamén otorgou o premio de Mellor Serie a Historia Mal, dirixida polo andaluz Daniel Cervantes, unha obra de animación coa que lle dan unha volta á historia ou como sinalan os autores, “con máis improvisación que historia”. Neste caso o xurado destacouna como “divertida, intelixente e estrafalaria” demostrando que “os cartos non son problema cando se ten talento e coñecemento”. O premio económico neste caso é de 800€.
A serie conquistou tamén ao público que se achegou ao Mercado a coñecela e cos seus votos concedeulle o Premio do Público, de 400€. A webserie Bananas, enviada dende República Checa, recibiu unha mención especial por parte do xurado.
O xurado novo, formado por Afra Torrado, Daniel Valcárcel Colino, Iria Ramos Mesía e o artista Mondra, destacou a webserie china Monster Diner / 怪兽小馆, sobre monstruos agochados entre humanos. Este Premio do Xurado Novo conta con 400€.
Unha de política
Non podemos deixar de recoller a xornada política vivida o sábado, falándose da “nova internet” co activismo e a política como temas centrais con algunhas das voces máis recoñecidas do panorama estatal dixital.
A primeira conversa articulouse sobre a cuestión “E se imprimimos internet?”. Participaron Marina G Canedo, creadora de contido político e do podcast Gente2020; Álvaro L Pajares, profesor, escritor e creador de contido de contas como Policía del Afecto; Rafa López, creador da conta afirmacion.es e un referente no mundo do meme en España e Ainhoa Marzol, comunicadora e curadora das tendencias na rede na súa newsletter Gárgola Digital.
O segundo panel, que levaou por nome “O dixital é político”, e centrouse en como as xeracións X e Z constrúen lazos e traballan alternativas dende o eido dixital.Participaron Iván Iglesias, fundador do medio ourensano OU Ké!; Román Varela, un dos fundadores do podcast galego Carretando; Sergio Gregori, xornalista e director de Furor TV; Ayme, divulgadora de política, feminismos e política social e Marina Lobo, guionista, presentadora e cómica, forma parte do equipo de Spanish Revolution.
Máis info do Carballo Interplay
REPASO HISTÓRICO DO CARBALLO INTERPLAY
- 2023: O Carballo Interplay pechou a súa 10ª edición
- 2023: O Carballo Interplay arrincou con estreas e centra a segunda xornada no talento galego
- 2022: O “necesario” Carballo Interplay pechou a súa 9ª edición cunha boa “desfeita”
- 2022: O Carballo Interplay arrincou poñendo en valor o talento galego da rede.
- 2021: O Carballo Interplay recibe o Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2021.
- 2021: O Carballo Interplay 2021 ofreceu ao mundo unha inmellorable panorámica da innovación na rede.
- 2021: Interplay: Os Masters da rede galega debullaron as principais canles creativas.
- 2020: A creatividade fluíu na rede gracias ao Carballo Interplay
- 2020: Antía Suárez: "O Carballo Interplay visibiliza o traballo da xeración máis nova"
- 2019: Paula Vázquez: O Interplay moi ben, pero falta Carballo
- 2019: O Interplay volveu convertir Carballo na capital da cultura dixital global.
- 2018: Dinosaurio, a webserie do Interplay que narra a caída mundial da internet.
- 2018: O Interplay volveu convertir Carballo na capital estatal dos contidos dixitais.
- 2017: O Festival Interplay fai de Carballo a capital da cultura dixital global
- 2017: O IV Festival Carballo Interplay, a máxima calidade audiovisual entra na Costa da Morte
- 2016: O éxito do III Carballo Interplay asegura unha cuarta edición no 2017.
- 2015: O Carballo Interplay, os Óscars 2.0:
- 2015: Arrinca un desenfadado Festival Interplay para poñer Carballo no centro das miradas do audiovisual.
- 2015: O Festival Interplay, unha regueifa audiovisual de vangarda.
- 2014: As mellores webseries de España, premiadas no Carballo Interplay.