Luns. 29.04.2024
El tiempo

Interplay: O Mercado de Carballo, epicentro da creación dixital galega

Asi Comeza o Carballo Interplay 2024
Así comeza o Carballo Interplay 2024
Interplay: O Mercado de Carballo, epicentro da creación dixital galega

Arrinca este xoves 4 de abril, e ata o domingo 7, o 11ª edición do festival de contidos dixitais Carballo Interplay. A vila bergantiñá volve converterse no epicentro da creación dixital galega con 3 días de actividades, charlas, proxeccións e premios. Desta volta, as actividades desenvolveranse no Mercado Municipal con entrada de balde.

O festival centrado no eido audiovisual e dixital repartirá ata 6.000€ en premios, dende a Sección Oficial de Webseries ata o novo premio a Mellor Creador e Canle de Contido Audiovisual en Galego, para o que están seleccionados 10 finalistas que presentarán os seus proxectos durante o festival.

Inauguracion Carballo Interplay 2023CIP 1

Organizado polo Concello de Carballo e Carballo Turismo, con dirección e produción de Cósmica Producións, o Interplay contará, un ano máis, co apoio da Deputación da Coruña, representada hoxe na inauguración pola deputada de Cultura, Natividade González, e polo vicepresidente, Xosé Regueira, máximo valedor institucional do festival desde o seu nacemento. González e Regueira estiveron acompañados polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; polo director da AGADIC, Jacobo Sutil, e polas directoras do Interplay, Sonia Méndez e Andrea Villa.

Xoves de Interplay

Hoxe mesmo, a inauguración e entrega premios concurso Dinoescolas será ás 10:30h no Mercado. Ás 11:30h gravarase o programa Petiscos no Derbi, antes de vivir unha videoregueifa con Sara Seco e Malva.
Pola tardiña, a partir das 16:00h bloque de series, e ás 17:30h emitirase o podcast Exército Mekemeke. Haberá Pitching proxectos serie web en galego e ás 20:00h gran estrea de “A moza que abortou e o contou”, proxecto gañador na pasada edició ao premio a Mellor Proxecto de Serie Web.

Tendes o programa completo en carballointerplay.com.

Podcast

Podcast en directo, monólogos e seccións clásicas do festival como Código Fonte Audiovisual son algunhas das actividades coas que o evento trae a Galicia algunhas das voces do eido dixital máis coñecidas. A galega Carolina Iglesias volve a Carballo coa cómica Laura Márquez e chegan a Galicia os directos dos podcast Maldito Bollodrama e Pena y Pánico. Xavi Daura tamén presentará por primeira vez na comunidade o novo stand up “XD”. Todos os espectáculos serán de entrada libre ata completar capacidade.

Os premios internacionais

Entre as web series internacionais da Sección Oficial do Carballo Interplay atópanse proxectos de Canadá, Arxentina, China, Francia, República Checa, Colombia, Corea, Dinamarca, Australia ou Kazajstan. Ademáis, 5 web series galegas presentaranse por primeira vez ao público: Nómades, dirixida por Marta Insua; Poscoito, de Héctor Rodríguez; Pulp Air, de Anita Pico e Rent-a-pal de Irene Pin. As proxeccións divídense en catro bloques en base á súa temática.

Talento galego

Como parte da súa labor de apoiar e conectar os novos talentos da rede contará con shows en directo de programas como Exército Mekemeke, videopodcast nominado aos Premios Ondas do Podcast na categoría de Mellor podcast en lingua cooficial; o podcast de tertulia cultural Café Derby 21- no que participarán Pablo Meixide, Blondiemuser, Lidia Veiga, Rodri Míguez e Paula Jorge - e unha Videoregueifa entre dúas das creadoras de contido en redes máis populares do ecosistema galego, Sara Seco e Malva.

Espazo de reflexión profesional

O Carballo Interplay segue a liña de actuar como altofalante das novas tendencias e formatos na rede dando voz aos protagonistas. Na xornada do sábado 6 de abril terán lugar tres mesas redondas para falar da “nova internet” co activismo e a política como temas centrais sobre os que falarán algunhas das voces máis recoñecidas do panorama estatal dixital como Alán Barroso, Ainhoa Marzol, Alba Lafarga ou os creadores de contas como Policía del Afecto ou @afirmacion.es.

Na Zona Pro, un espazo de reflexión e xuntanza no que voces relevantes do mundo dixital e audiovisual conversarán sobre temas de actualidade e tendencias nestes eidos. Falarase do éxito da rexouba e a nostalxia na rede cos xornalistas Juan Sanguino, Raquel Piñeiro e Anxo F. Couceiro, do estado dos podcast e web series co investigador e director de Estación Podcast Nacho Gallego e co cineasta Joël Bassaget. O lanzamento de OTT nas televisións autonómicas CRTVG e EITB, de Euskadi será outro. Ademais, durante a tarde os asistentes poden participar nun obradoiro de creación dixital da man de Pol Mallafré, de Mockudrames.

Máis novas do Interplay

REPASO HISTÓRICO DO CARBALLO INTERPLAY

Comentarios