Empresarios do Polígono de Bértoa e Concello coinciden na necesidade de seguir presionando pola ampliación e a Variante

Nova reunión celebrada onte no Polígono de Bértoa. A xunta directiva da asociación de Empresarios despediu a Evencio Ferrero, cun detalle, e quixo dar a benvida e agradecer a boa disposición do novo rexedor, Daniel Pérez, que acudiu acompañado polo concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira.

Evencio Ferrero recibindo un agasallo do xerente da Asociación de Empresarios, Pablo Rodríguez

Ampliación e Variante

Son dous asuntos primordiais os que están enriba da mesa de cara ao futuro, que en común teñen que seguir esixindo á Xunta. 

Sen dúbida, o máis urxente é a ampliación do polígono, que, segundo os últimos prazos ofrecidos pola Xunta de Galicia tras a aprobación do plan estruturante, arrincará no 2027.

O empresariado lembrou que de xeito paralelo debería acometerse a construción da Variante, algo no que tamén coincide o goberno municipal. Daniel Pérez insistiu na imperiosa necesidade de desviar o tráfico pesado da zona urbana, tanto para facilitar a actividade empresarial como, sobre todo, para mellorar a seguridade viaria nas zonas do Chorís e da Milagrosa. 

Proxectos municipais

A nivel municipal, nestes momentos está en execución o contrato de subministro e instalación dunha báscula para camións, que foi adxudicado a Consccy202SL por máis de 121.000 euros. E tamén será adxudicado nos próximos días o contrato de instalación de casetas para oficinas e vestiarios, cun orzamento de 38.398 euros. 

Por parte da asociación de empresarios presentáronse varias propostas.

Máis novas