Rubén Lorenzo destaca o "avance maiúsculo" na Circunvalación e a ampliación do polígono

A pesar da falta de acordos cando os temas se dan cita no Parlamento, dúas das infraestruturas máis demandadas de Bergantiños parece que collen forma. Estas semanas houbo importantes avances tanto no proxecto da Circunvalación (ou Variante) de Carballo, como na ampliación do Polígono de Bértoa.
Se lembrar os continuos retrasos acontecidos nos últimos anos, asi o destaca esta semana o deputado e portavoz do PP en Carballo, Rubén Lorenzo, que pon en valor a resolución favorable da Consellería de Medio Ambiente á futura variante e a aprobación polo Consello da Xunta do proxecto de urbanización da segunda fase do polígono industrial.
Circunvalación
Rubén Lorenzo subliñou que a resolución de Medio Ambiente “supón un avance maiúsculo na tramitación dun proxecto que é vital para conectar o polígono de Carballo co sur de Galicia e para desconxestionar de tráfico pesado o centro urbano”.
O Diario Oficial de Galicia publicaba o pasado luns a resolución favorable da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostenibilidade na que, despois dos informes proporcionados por sete departamentos autonómicos e polo Concello de Carballo, se conclúe que no proxecto da variante de Carballo “non son previsibles efectos adversos significativos sobre o medio ambiente e, polo tanto, non se considera necesario someter o proxecto a avaliación de impacto ambiental ordinaria”, sempre que se cumpran as medidas recollidas nos informes e o programa de vixilancia ambiental.
“Esta resolución chega despois de que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural tamén realizara, a finais do pasado mes de marzo, as últimas aclaracións sobre as medidas a tomar para minimizar o impacto do trazado da variante de Carballo no castro de Queixeiro en Bértoa, ante o que se propuxo a realización de sondaxes arqueolóxicas de avaliación e unha escavación arqueolóxica na área de ser necesario”, lembrou o deputado popular.
Neste sentido, afirmou que “a Xunta xa ten preparado o proxecto de trazado co anexo de expropiacións, ao que xa lle pode dar o visto e prace provisional para iniciar o procedemento de información pública e proceder á expropiar os terreos afectados, que son 182 propiedades nas parroquias de Bértoa, Artes e Verdillo”.
A primeira fase da circunvalación de Carballo, que conectará o polígono de Bértoa coas estradas de Santiago e Ordes, incluirá no seu trazado un viaduto de 340 metros de lonxitude sobre o río Anllóns na zona de O Silvoso. Ademais, o proxecto contempla a construción doutras estruturas: dous pasos superiores e un inferior sobre a variante e un muro de contención de dique para o rego do Añón.
Polígono
Por outra banda, o deputado popular destacou que esta mesma semana o Consello da Xunta tamén dou a coñecer a adxudicación do contrato de urbanización e parcelamento da FASE II de ampliación do polígono empresarial de Carballo, que permitirá incorporar 630.000 metros cadrados de solo industrial para atender as demandas de novas industrias e a xeración de riqueza e emprego en toda a comarca.