Domingo. 06.10.2024
El tiempo

Espiral Maior Foro pon en marcha un "Clube de Lectura"

Espiral Maior Foro Carballo
Espiral Maior Foro pon en marcha un "Clube de Lectura"

En apenas un par de meses, a sé de Espiral Maior Foro (Rúa do Sol, 34, baixo) xa se ten convertido nun dos espazos máis vivos da cultura carballesa. E este sábado, día 12 de febreiro, ás 12 da mañá, dá un novo paso coa creación (e primeira xuntanza) dun clube de lectura que nace coa intención de achegar unha nova iniciativa ao fomento da lectura en Carballo e Bergantiños.

Coordinado polo sociólogo Santiago Pazos e polo escritor Miguel Anxo Fernán Vello, o novo clube de lectura carballés terá a denominación de Foro de Lectura, pois, ademais da actividade propia dun clube ou círculo de lectores, pretende constituirse como un espazo de reflexión sobre o feito lector, un laboratorio activo que permita a elaboración de materiais sobre a lectura que serán obxecto de publicación posterior.

O Foro de Lectura iníciase coa lectura da novela “Reválida de sexto”, do escritor Xosé Antonio Andrade (Coristanco, 1957), unha obra, publicada por Edicións Embora (2015), que o crítico literario Vicente Araguas sinalou no seu día como unha perfecta lectura para se iniciar na arte da novela e moi recomendábel tanto para lectores adultos como para as aulas de escolas e colexios.

Teñen confirmada a súa participación o sábado día 12 de febreiro no Foro de Lectura, e en calidade de membros fundadores, distintas persoas de ámbitos diversos, académicos, profesionais e artísticos, entre os que se encontran Sonia Varela Pombo, Afonso Xavier Canosa, Luís Rial, María Canedo, Xurxo Chapela, Juan Coto, Ángel Losada, Miguel Anxo Calvo, Santi Picos, Sonia Andrade e Elizabeth Núñez Rama.

As persoas interesadas en participar na primeira sesión do Foro de Lectura deben inscribirse ou ben directamente no local de Espiral Maior Foro (Rúa do Sol, 34) ou ben a través do teléfono do mesmo: 628 690 573.
 

Comentarios