martes. 28.07.2026
El tiempo

A odisea dunha familia senegalesa para emprender en Fisterra

Familia de Mamadou e Fatou no Mama Africa de Fisterra
Familia de Mamadou e Fatou no Mamá Africa de Fisterra
A odisea dunha familia senegalesa para emprender en Fisterra

Mamadou é senegalés, dos primeiros que chegoou a Fisterra fai máis de 20 anos. Chegou cun contrato de traballo como mariñeiro de altura. Uns anos despois chegou a súa muller Fatou, ou “Mami” como é coñecida por todos no pobo. Durante todo este tempo, el non deixou en ningún momento de facer mareas ou campañas de gran sol e outros lugares como mariñeiro e cociñeiro e ela traballou de cociñeira en varios restaurantes da vila, os últimos 10 anos ininterrumpidos nun coñecido e tradicional restaurante. Durante todo este tempo puido aprender e coñecer a cociña galega e ampliar os seus coñecementos que xa tiña de cociña francesa e africana.

Traballadores incansables, foron dando pasos na súa estabilidade, mesmo mercando un piso, con aforros e hipoteca, como o resto dos mortais. Durante todo este tempo naceron catro fillos, 3 nenos e unha nena, que están totalmente integrados en Fisterra, teñen amigos, estudan nos colexios da vila, xogan no SD Fisterra, van a praia, etc.. fan o mesmo que fan o resto dos nenos, medrar e intentar ser felices. Un deses numerosos exemplos perfectos de integración.

Unha vez asentados, deciden dar un paso moi importante para as súas vidas que non é outro que ir un pasiño máis alá: emprender. Atópanse co traspaso do que foi o Boulevard Lounge, a coctelería con música en vivo que funcionou durante 15 anos, e tras moitas idas e voltas, deciden coller o traspaso, o aluguer, e afrontar a reforma para convertilo no seu restaurante: Mamá Africa. Alá van todos os aforros de 20 anos traballando arreo por facer realidade un soño e conseguir a estabilidade final nun lugar ao que aman, no que se sinten a gusto e no que queren garantizar un futuro aos seus fillos.

Máis de 150.000€ de investimento, pagando o traspaso, aluguer, e a reforma, e cumplindo todas as normativas, cando parece que todo comeza a rodar, pero tamén comezan os problemas. Parece que o sistema de evacuación de gases falla, provocando goteiras no tellado da cociña, e unha falta de ventilación ata perigosa.
Veñen os técnicos a revisar, que revisan e comproban que todo funciona. Despois de varias semanas aparece o problema onde nunca se pensou, onde non se podería un nin imaxinar que estaría: o veciño que linda co restaurante, un coñecido promotor e constructor fisterrán, decidira tapiar a saída de gases porque lle molesta, bloqueando por completo a cociña e poñendo en perigo a integridade dos clientes e traballadores do restaurante, a estructura física do inmoble, do edificio, podendo ocasionar unha intoxicación ou unha explosión no recinto.

Saida de gases tapiada no Mama Africa de Fisterra 1
Imaxes da saída de gases tapiada do restaurante

A familia ponse en contacto co veciño, que asume a responsabilidade de tan temeraria acción e que comeza a ameazar á familia, lanzando mesmo insultos racistas, como recoñece a propia Fatou. ”Hai moitísimo racismo. El non quere que eu abra porque son negra. Chegou a dicirmo directamente”, denuncia Fatou.

A familia comeza a denunciar os feitos ante a Policía Local e a Garda Civil de Corcubión, pero mentres espera accións legais, continúa co problema diario: eles destapan a saída de gases pola mañá, e pola noite o veciño volve pechala con espuma. Así un día tras outro, un día tras outro, cunha indefensión total. “Eu levo invertido moitos cartos. Teño claro que non podemos cerrar, así que seguiremos pelexando”, avisa.

”Son xente traballadora, humilde e honesta e agora están nunha situación moi complicada que non se merecen”, lamentan outros veciños, que esperan que as administracións ou as forzas de seguridade fagan algo.

 

 

Comentarios