O Goberno Central alerta en Carballo do aumento nun 40% dos delitos informáticos

O Concello de Camariñas e a Garda Civil organizarán un coloquio informativo sobre as estafas en liña

 

Celebrouse onte unha nova Xunta Local de Seguridade en Carballo, na que ademais de todas as forzas que operan na zona, estivo presente a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas López. Unha visita especial para alertar sobre o aumento dos delitos informáticos na zona.

Ata un 40% aumentaron os casos de estafas pola rede respecto á 2019, nunha tendencia xeneralizada en toda España, convertíndose así nunha prioridade para as Forzas e Corpos de Seguridade. Nese sentido, destacaron que é moi importante a prevención e información á cidadanía, especialmente a aqueles colectivos máis vulnerables, como poden ser as persoas maiores.

Por iso, a subdelegada lembrou que os equipos de estafas da Garda Civil están ao servizo do Concello para levar a cabo charlas orientativas e informativas.

Mellora xeral

En xeral, os datos de seguridade melloran, quedando o municipio cunha taxa de 33 delitos por cada mil habitantes, un pouco por riba da media provincial e autonómica, pero moi lonxe dos 42 delitos a nivel estatal.

No referente á violencia de xénero, o número de casos activos no concello reduciuse respecto ao pasado ano, pasando de 63 a 56, ningún de risco alto ou extremo.

A Policía Local apuntou que leva atendidas un total de 2.550 avisos e incidencias en 2021.

Pola súa banda, o responsable de Protección Civil, Javier Souto, centrouse na campaña de praias, caracterizada pola elevadísima afluencia e polas medidas de prevención da COVID-19, e tamén se referiu aos incendios forestais, que se reduciron respecto ao ano pasado pero que levan afectado xa a unha superficie aproximada de 12 hectáreas no que vai de ano.

Charla en Camariñas

O Concello de Camariñas e a Garda Civil organizarán o vindeiro martes, 5 de outubro, un coloquio informativo sobre as estafas en liña. Será na Casa de Pedra ás 11:00 horas e rógase á comunidade empresarial, especialmente, pero tamén á poboación xeral a asistir por mor da relevancia do contigo. 

Tras o elevado número de casos detectados de estafas telemáticas vía mensaxe SMS a móbiles particulares ou a través do correo electrónico, é vital previr estas situacións. 

Será levada a cabo por Alberto González, Xefe de equipo de prevención da delincuencia da Comandancia da Garda Civil da Coruña. 

NOVAS RELACIONADAS