Xoves. 27.02.2020
El tiempo

Mulleres carballesas formáronse coa Fundación Amigos de Galicia para traballar como repoñedoras en supermercados

Imaxe da entrega de diplomas na Casa do Concello.
Imaxe da entrega de diplomas na Casa do Concello.
Mulleres carballesas formáronse coa Fundación Amigos de Galicia para traballar como repoñedoras en supermercados

A Fundación Amigos de Galicia leva varios anos desenvolvendo no concello de Carballo accións formativas para que as persoas con máis dificultades para acadar a inserción laboral poidan adquirir as destrezas precisas para conseguir un posto de traballo.

Con ese obxectivo, ademais da formación profesional específica, que nesta ocasión foi un curso de repoñedora en grandes superficies, dentro do programa EM-Feminino, subvencionado pola Deputación Provincial da Coruña, tamén se lles ofrecen itinerarios personalizados de busca de emprego “para adaptar as habilidades de cada persoa para buscar traballo”. Así o explicou onte o director xeral da Fundación Amigos de Galicia, Jesús Busto Peteiro, que asistiu á entrega de diplomas xunto co alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures.

Ao acto, que se celebrou no salón de sesións, asistiron unha parte das 16 alumnas e 1 alumno que participaron no curso de repoñedora, e que agora iniciarán as prácticas en supermercados da contorna, así coma as súas monitoras.

Jesús Busto animou ás participantes a ser teimudas na procura dun emprego e ofreceulles o apoio da Fundación Amigos de Galicia máis alá desta acción formativa. Maica Ures expresou o seu desexo de volver a velas pronto xa no seu posto de traballo en calquera supermercado da zona, e, na mesma liña, Evencio Ferrero manifestou a importancia de que este tipo de accións formativas resulten de utilidade para a finalidade última, que é conseguir traballo.

comentarios