luns. 01.12.2025
El tiempo

Novo punto limpo móbil para facilitar a reciclaxe nas áreas rurais de Carballo

Punto limpo mobil do Concelo de Carballo
Novo punto limpo móbil para facilitar a reciclaxe nas áreas rurais de Carballo

O Concello de Carballo saca á rúa un novo punto limpo móbil: un remolque equipado para recoller 15 tipos de residuos diferentes. Este novo vehículo permitirá complementar a recollida de residuos a domicilio na zona rural cun sistema de recollida selectiva para cartuchos de impresora, aerosois, trapos e absorbentes contaminados, pequena chatarra, pequenos electrodomésticos, xoguetes e outros plásticos que non sexan envases, fluorescentes, lámpadas, materiais electrónicos, informáticos e de telefonía, envases contaminados, pilas, cargadores e baterías, aceites de cociña usados, CD e DVD, auriculares e calzado e téxtiles. 

O obxectivo deste novo servizo é facilitar á veciñanza o depósito daqueles residuos que non teñen cabida nos contedores habituais, e que deberían depositarse no punto limpo do polígono industrial de Bértoa ou, nalgúns casos, nos minipuntos limpos urbanos ou nos colectores específicos que existen, por exemplo, para os aceites usados ou o téxtil. Para intentar mellorar a separación en orixe dese tipo de residuos, o remolque irá variando o seu emprazamento ao longo do ano. 

O Concello de Carballo realizou un investimento de 18.000 euros na adquisición do vehículo, para o cal solicitou unha subvención dentro da liña de Proxectos destinados a favorecer a prevención, a recollida separada e adecuada clasificación de fluxos especiais de residuos municipais a través da adquisición de puntos limpos móbiles para a mellora e ampliación dos servizos prestados pola rede galega de puntos limpos existentes para a reutilización ou reciclaxe na nosa comunidade autónoma. Pero os beneficios serán, en calquera caso, moito maiores, xa que está previsto recoller máis de 14.000 quilos de residuos ao ano. 

Comentarios