xoves. 16.01.2025
El tiempo

Un Paso Máis fai balance deste Nadal máis inclusivo que nunca

Reis con Un Paso máis
A cativada de Un Paso Máis celebrando os Reis no Pazo da Cultura
Un Paso Máis fai balance deste Nadal máis inclusivo que nunca

Pasou o Nadal, e foi este un punto de inflexión para a entidade Un Paso Máis. Para elas, "foi un tempo de alegría, aprendizaxe e, sobre todo, de inclusión", gracias ás iniciativas que se atreveron a desenvolver para que as crianzas con diversidade tiveran experiencias singulares. 

Unha das iniciativas que máis nos enche de orgullo foi a segunda sesión de cine inclusivo, que resultou ser un auténtico éxito

Pero sen dúbida, as xornadas que máis recordarán os pequenos da comarca de Bergantiños foron as actividades que se organizaron para eles, pensadas co máximo coidado para que puidesen gozar ao máximo e vivir momentos inesquecibles. A primeira destas actividades foron as xornadas de Espazo de Xogos compartidos, realizadas en O Recreo Animación, onde os nenos e nenas tiveron a oportunidade de desfrutar durante catro mañás cheas de risas, xogo e amizade. O mellor de todo isto foi que puideron facelo nun entorno privilexiado, totalmente adecuado para eles, e todo de xeito totalmente de balde. 

Mentres as crianzas se entregaban sen reservas ás distintas propostas de xogo, as familias tamén puideron aproveitar ese tempo para compartir, para interactuar entre e para gozar dun espazo de encontro onde se compartiron experiencias e vivencias. Unhas xornadas para reforzar vínculos e crear recordos.

No Recreo co Un Paso Mais
A cativada de Un Paso máis no Recreo 

Os Reis

A segunda gran actividade que quixeramos destacar foi a marabillosa recepción “oficial” das súas Maxestades de Oriente, que tivo lugar grazas á colaboración do Concello de Carballo. Este evento, que se celebrou por segundo ano consecutivo, foi unha oportunidade única para que os nenos e nenas de todas as idades puidesen vivir unha experiencia máxica que moitos poderían considerar como o punto culminante destas festas. O Concello de Carballo, como xa fixera o ano pasado, brindou unha recepción adaptada especialmente para que ningún neno ou nena quedase sen a posibilidade de gozar da chegada dos Reis Magos, facendo que esta tradición se vivise de maneira inclusiva e accesible para todos. "Foi un momento de emoción, ilusión e maxia que quedará gravado na memoria dos máis pequenos e tamén nas dos adultos que compartiron esa alegría cos seus fillos", contan as familias.

"Dende Un Paso Máis, queremos aproveitar esta ocasión para deixar constancia do noso profundo agradecemento a todas as persoas que fixeron posible que estas actividades se levaran a cabo. En primeiro lugar, a Ángeles, a propietaria de O Recreo, que se encargou de facer realidade esas xornadas de espazo de xogos compartidos, creando un ambiente perfecto para os nosos nenos e nenas, e tamén para as súas familias. A súa dedicación e compromiso foron fundamentais para que esta actividade fose un rotundo éxito. Tamén queremos expresar o noso agradecemento ao Concello de Carballo, neste caso puntualmente a Maruxa Suárez, concelleira de Cultura e Festas, que novamente mostrou un apoio importante ao ofrecer unha recepción adaptada para os Reis Magos, demostrando o seu compromiso coa inclusión e co benestar das nosas familias. Sen a colaboración de persoas como Ángeles, Ánxeles, e as institucións comprometidas como o Concello de Carballo, estas festas non serían o que foron: momentos de unión, inclusión e diversión para todos".

Comentarios