Un Paso máis leva o deporte inclusivo ás aulas

Necesaria a xornada que a Asociación Un Paso Máis levou a semana pasada varios centros escolares co gallo do Día Mundial do Autismo, convertindo o deporte adaptado nunha xornada de aprendizaxe da vida real.
A asociación destaca o entusiasmo dos nenos e nenas á hora de participar nas actividades, amosando unha enerxía e implicación encomiables, ao tempo que agradecen o compromiso dos docentes.. 

O martes 2 de abril, o CEIP Plurilingüe A Cristina converteuse nun pequeno estadio onde máis de 200 rapaces descubriron que o deporte non ten barreiras. Entre risas e esforzo compartido, os escolares puxeron en práctica distintas disciplinas adaptadas, derrubando prexuízos e ampliando horizontes.

Ademais, o pasado venres a iniciativa desprazouse ata o CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco, na Laracha. Alí, outro cento de cativos gozou dunha xornada de deporte onde o que realmente contaba era participar, aprender e comprobar que todos temos un espazo no xogo, independentemente das nosas circunstancias.

Con esta visita, UN PASO MÁIS pecha o ciclo deste curso, unha xeira de actividades que levou a inclusión a case un milleiro de alumnos, pasando por centros como Nétoma-Razo, A Gándara-Sofán, Xesús San Luis Romero, CRA Ponte da Pedra e CPI de Bembibre en Val do Dubra. Un percorrido cheo de pequenos xestos que fan un gran cambio.

Máis actividades

A asociación anunciou que xa só queda unha praza para o campamento adaptado de verán, un "Obradoiro de Estimulación" onde cada profesional atenderá un máximo de tres nenos, garantindo unha atención personalizada e adecuada a cada necesidade.
Ademais, as II Xornadas de Inclusión Socioeducativa están a encherse rápido, con algúns talleres a piques de pechar as súa inscrición a falta de dous meses para o evento.

Máis novas

O deporte, a educación e a inclusión están a xogar no mesmo equipo, e iso sempre é unha vitoria.