domingo. 09.02.2025
El tiempo

Un Paso Máis aproveita o deporte na escola como ferramenta universal para derrubar barreiras e fomentar a igualdade

Un paso mais no cole de Carballo 2
Un Paso Máis aproveita o deporte na escola como ferramenta universal para derrubar barreiras e fomentar a igualdade

Que emotivas, e que útiles son as accións que está a desenvolver a Agrupación Deportiva Un Paso Máis polos centros de ensino de Bergantiños. Porque vivir a discapacidade en primeira persoa é unha aprendizaxe directa que vale máis que ducias de relatos.

A entidade vén de rematar, con grande satisfacción, a súa primeira etapa do circuíto escolar de deporte adaptado para o presente curso lectivo. Esta iniciativa, que busca achegar o deporte a todo o alumnado con diversidade funcional, tivo o seu remate esta semana en dous centros educativos destacados pola súa aposta pola inclusión e a igualdade de oportunidades.

O pasado xoves visitaron o CEIP Plurilingüe Nétoma-Razo, un lugar cheo de vitalidade onde a convivencia e o respecto están presentes en cada recuncho. “Foi unha experiencia verdadeiramente especial, na que tanto o alumnado coma nós mesmos aprendemos e compartimos momentos que lembrarán durante moito tempo”, explican dende a entidade.

Un paso mais no cole de Carballo

O venres tocoule vivilo á rapazada do CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo, outro exemplo claro de bo facer e compromiso coa integración. As actividades desenvoltas foron moi enriquecedoras e permitíron comprobar unha vez máis como o deporte é unha ferramenta universal para derrubar barreiras e fomentar a igualdade entre todas e todos.

En xaneiro, retomarán a programación, levando esta iniciativa a outros centros educativos non só de Carballo e Bergantiños, senón tamén das comarcas limítrofes. “A nosa intención é seguir avanzando neste proxecto, que non só promove a práctica deportiva, senón tamén valores como a solidariedade, a cooperación e o respecto á diversidade”.
A entidade aproveita para agradecer o compromiso dos equipos docentes que acollen, con gran sintonía, estas actividades inclusivas.

Foto de familia de Un Paso máis co colexio de Carballo

Máis novas

Comentarios