O Pleno de Carballo aproba, por unanimidade, sancionar á concesionaria do servizo de recollida do lixo
- O pleno aprovou tamén o convenio regulador do Parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte así como os festivos locais para 2025
Acordo unánime no pleno de onte para aprobar unha moción presentada polo goberno municipal para iniciar o expediente que permita impoñer sancións á empresa concesionaria do servizo de recollida e xestión do lixo polo incumprimento do contrato. Todos os grupos coincidiron na gravidade da situación e na necesidade de adoptar as medidas necesarias para obrigar á empresa a prestar o servizo nas debidas condicións.
Tamén foi unánime o desexo de que as negociacións entre empresa e traballadores, que xa teñen data para sentarse a dialogar, cheguen a bo porto e permitan dar por rematado este conflito laboral.
Outras mocións aprobadas
Todas as propostas debatidas na sesión ordinaria de xullo saíron adiante sen votos en contra. O convenio regulador do Parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte foi aprobado por unanimidade, do mesmo xeito que os festivos locais para o ano 2025, que serán os días 24 e 25 de xuño, e a modificación do PXOM necesaria para o cambio de uso da antiga escola unitaria de Gontade (Ardaña), que se estreará o vindeiro curso como centro de educación especial.
O PP tamén se abstivo en relación á aprobación da segunda fase do POS+Adicional 2024, da Deputación da Coruña. Os populares presentaron un rogo pedindo o arranxo da escultura O escalo, de Manuel Facal, situada no polígono industrial de Bértoa, e o alcalde expresou a coincidencia do goberno coa proposta e comprometeuse a telo en conta na elaboración dos orzamentos do 2025.