Rematou a primeira xeira da folga do lixo de Carballo
- O paro repetirase do 11 ao 22 de agosto se non hai avances na negociación

Dende esta noite o servizo de recollida de lixo de Carballo volveu á normalidade. Rematou, a folga que os traballadores da UTE Carballo (Urbaser S.A. e Servicios Gallegos de Lacería), desenvolveron dende o 7 de xullo. 16 días de seguemento total, xa que só entrou a traballar o persoal designado como servizos mínimos.
Nestes 16 días, o persoal evidenciou a súa firme disposición a loitar por uns salarios xustos e conseguir unha mellora nas condicións laborais e sociais e critican que a única intervención do Concello de Carballo no conflito fora para "impor un servizos mínimos totalmente desproporcionados e para intentar boicotear o paro suplindo con persoal municipal o persoal en folga".
Así o explica a CIG, que deixa claro que se non hai avances na negociación, para o próximo mes xa está convocada outra xeira de folgas do 11 ao 22 de agosto.
Os traballadores e as traballadoras lamentan os inconvintes causados á veciñanza pero responsabilizan a empresa de "non deixarnos outras saída que a folga, ante unhas propostas que saben que son inasumíbeis".
Beneficios e soldos
Caamaño incide en que malia os beneficios millonarios de Urbaser, que foron de máis de 211 millóns no ano 2023, os soldos dos traballadores e traballadoras da UTE Carballo están no SMI. "Garantir que todas as categorías están por enriba dos incrementos do salario mínimo e que os traballadores non van perder poder adquisitivo son demandas que a empresa pode asumir sen problema", asevera.