O PP de Carballo pide que se informe aos veciños afectados pola cidade deportiva da Lagoa
O Partido Popular de Carballo mantivo, nos últimos días, un encontro cos veciños afectados polas expropiacións previstas no plan especial para a
construción da futura cidade deportiva municipal na Agra da Lagoa.
Durante a reunión, os propietarios trasladaron a súa preocupación por un proxecto que, segundo explican, compromete o seu modo de vida e afecta directamente a leiras destinadas ao autoconsumo, cortes para animais e construcións auxiliares indispensables para a súa actividade diaria.
Os veciños lembran que presentaron alegacións durante o período de información pública —13 de forma conxunta e outras cinco individuais— nas
que cuestionaban a necesidade real da actuación, así como a ausencia de estudos de impacto acústico e de mobilidade, a falta dunha análise económico-financeira e a afección a terreos clasificados como solo rústico de especial protección agropecuaria. Ningunha destas alegacións foi aceptada polo Concello, salvo unha cuestión menor relativa ao uso temporal das fincas ata a ocupación efectiva.
O portavoz dos populares apunta que “desde o PP de Carballo consideramos especialmente grave que todo este proceso se estea levando a cabo sen contar en ningún momento cos grupos da oposición, a pesar de que representamos a milleiros de carballeses. O alcalde delegou as competencias urbanísticas na Xunta de Goberno Local, un órgano ao que só asisten os membros do goberno (BNG), o que impide calquera participación, supervisión ou achega por parte do resto de forzas políticas”.
Isto significa que o plan chegará ao Pleno unicamente para a súa aprobación definitiva, sen que a oposición tivese acceso real ao debate nin á toma de decisións desde o inicio. Os populares sinalan que se trata dun novo exemplo de falta de transparencia, non só cara aos grupos municipais, senón tamén cara aos propios veciños afectados e ao conxunto da cidadanía.
Segundo o PP, "os residentes aseguran que, tras presentar as súas alegacións, acudiron á Oficina Técnica Municipal, onde o propio alcalde lles trasladou que, quéirano ou non, o proxecto vai seguir adiante", e denuncian que "ata a data non foron convocados a ningunha reunión co goberno local para abordar o conflito de maneira directa, a pesar da magnitude do impacto que o proxecto tería sobre as súas propiedades e a súa actividade económica".
Desde o PP de Carballo esixen ao goberno municipal "diálogo, información e participación, tanto cos grupos políticos como cos veciños afectados.
Consideran imprescindible que o Concello explore alternativas de ubicación, tal e como solicitan os residentes, e que achegue os estudos técnicos e
económicos necesarios para garantir que calquera actuación urbanística responda ao interese xeral e non xere prexuízos irreparables".
O portavoz dos populares, Rubén Lorenzo, matiza que o PP está a favor da creación dunha área deportiva no municipio, pero comprometeuse cos veciños a acompañalos neste proceso e a analizar con rigor o expediente para que as afeccións supoñan o menor impacto posible.