Carballo contará cunha nova área deportiva con pavillón e campo de fútbol na Lagoa

Importante acordo urbanístico a que vén de aprobar a Xunta de Goberno Local de Carballo: o o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID) que permitirá a implantación dunha área deportiva na Lagoa.
O plan afecta a un ámbito de 81.551 metros cadrados situados nunha parte bastante céntrica da vila, preto da rotonda da rúa Sol coa saída cara Santiago, e entre a rúa Vila de Negreira, a Travesía A Lagoa e o río Anllóns. O Concello realizará unha intervención urbanística cunha dobre finalidade: proxectar un espazo para novas instalacións deportivas, que resultan moi necesarias no noso concello, e aproveitar un entorno natural que se poida empregar para a práctica do deporte.
O Plan reserva o 31% da superficie para o campo de fútbol e o pavillón; o 46% que quedará en estado natural con sendas peonís, e pequenas explanadas para a práctica de deporte afeccionado; o 9,5% resérvarase para unha praza pública de 7.735,65 m²; ademais da reserva de espazos para estacionamentos públicos, con capacidade para 334 vehículos, que servirán para as persoas usuarias das instalacións pero tamén como aparcadoiros disuasorios ou de proximidade pola súa situación inmediata ao centro administrativo e comercial de Carballo.
O resto da superficie do ámbito, 2.744,75 m², está destinada a regularizar as vías existentes, completar a rúa Vila de Negreira cunha senda peonil e carril bici, dar continuidade á rúa Álvarez de Sotomayor e conectar coas rúas Lagoa e Bosque.
Unha vez aprobado de xeito inicial e tras a publicación no Diario Oficial de Galicia, o documento será sometido a información pública durante un prazo de 2 meses para que as persoas interesadas poidan consultalo e, no seu caso, formular alegacións. As persoas titulares dos terreos afectados recibirán notificacións individuais. Así mesmo, de xeito paralelo solicitaranse os informes sectoriais preceptivos.