O PPdeG enxalza o labor da UDIAF de Bergantiños, que o ano pasado atendeu a máis de 150 familias
Os deputados do Grupo Parlamentario Popular, Carmen Pomar e Rubén Lorenzo, visitaron esta pasada semana a Unidade de desenvolvemento infantil e apoio familiar (UDIAF) de Bergantiños. A poucos días da celebración do Día da atención temperá, quixeron poñer en valor o equipo interdisciplinar de seis profesionais especializados en desenvolvemento infantil e atención temperá, ademais dunha administrativa. O servizo, público e gratuíto, acolle ás familias dos concellos de Cabana, Carballo, Coristanco, Laxe, Malpica e Ponteceso.
Durante a xuntanza mantida coa coordinadora da unidade, Yaiza Antelo, e a coordinadora xeral, María García, ademais de coñecer o funcionamento e as necesidades actuais da UDIAF, recibiron a memoria anual de actividades, onde se recolle o traballo desenvolvido pola entidade na comarca ao longo de todo o ano. Así, no 2025, esta unidade atendeu a 155 familias, cuxo grado de satisfacción global é dun 4,86 puntos dun total de 5. Asemade, realizouse un total de 4.493 prestacións individuais, entre elas: 122 consultas de acollida, 190 sesións de valoración, 3.229 sesións de apoio directo a menores e familias e 863 actuacións de coordinación con profesionais dos ámbitos sanitario, educativo e social.