A UDIAF, 10 anos atendendo a centos de crianzas con necesidades especiais

Fai balance a Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar (UDIAF) de Bergantiños, xestionada pola Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT), tras 10 anos de traballo social na capital carballesa. Un servizo asistencial básico e fundamental para centos de familias de toda a comarca que levan ás súas crianzas de entre 0 a 6 anos con problemas ou dificultades evolutivas, afectivo-emocionais, de conduta, de comunicación e linguaxe, motrices ou cognitivas.
As cifras
Ao longo destes dez anos foron atendidos/as no servizo un total de 559 nenos e nenas. “Unha parte importante do traballo da UDIAF consiste no acompañamento, a orientación e a colaboración coas familias, así como a coordinación cos profesionais, recursos e institucións que forman parte da contorna significativa de cada neno ou nena”, salientou a coordinadora da unidade, Yaiza Antelo, que exerceu de anfitrioa ante a visita municipal realizada esta semana, xunto con dous membros da xunta directiva da AGAT, Maia García Martínez e Jaime Ponte.
No ano 2024 foron atendidas 153 familias, 28 máis que no ano anterior; realizáronse 3.625 prestacións de apoio personalizado e 780 actuacións de coordinación con outros profesionais e recursos. O 67% dos/as usuarios/as residen no municipio carballés, e o resto repártense entre Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Coristanco, Malpica e Laxe.
Os representantes da entidade agradeceron a colaboración do Concello de Carballo, que a finais do ano pasado acometeu “unha importante reforma estrutural do local coa ampliación e reforma de espazos e a incorporación de dúas novas salas, o que permite atender o aumento da demanda”, indicou Yaiza Antelo.
A idade media de acceso ao servizo reduciuse dos 3,08 aos 2,87 anos. O 72% dos nenos e nenas son derivados polos servizos sanitarios. O 73% dos usuarios foron varóns, fronte a un 27% de mulleres. E, en canto ás altas que se tramitaron o ano pasado, un 43% producíronse ao acadar a idade máxima, e outro 43% por cumprir os obxectivos marcados.
A UDIAF
A sede da UDIAF está na avenida do Ambulatorio, nun local cedido polo Concello de Carballo no antigo ambulatorio. O servizo é público e gratuíto. O contacto pode realizarse a través do correo electrónico bergantinos@atenciontemprana.com ou ben chamando ao teléfono 881 946 410.
Máis novas