venres. 08.11.2024
El tiempo

A Praza dos Libros volve a Carballo

PRAZA DOS LIBROS Carballo 2019
Imaxe da edición de 2019 da Praza dos Libros
A Praza dos Libros volve a Carballo
A Praza dos Libros volverá a encher de cultura o Xardín Municipal do 7 ao 10 de xullo. Despois de dous anos de ausencia obrigada, a feira da creatividade cultural regresa a Carballo co seu formato habitual pero cunha imaxe renovada e con moitas novidades que iremos coñecendo nas vindeiras semanas. 

A interrupción provocada pola COVID-19 impediunos desenvolver as actividades que estabamos preparando para o ano 2020 cando nos sorprendeu a pandemia. E dos nomes propios que formaban parte do programa recuperamos, entre outros, o do pregoeiro: Xan Fernández Carrera. Profesor de primaria durante varias décadas, presidente do Instituto de Estudos Bergantiñáns, membro da directiva do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte e da Fundación Gonzalo López Abente, Fernández Carrera é tamén o autor dunha trintena de obras, entre elas a “Guía de Carballo”, que constitúen unha auténtica enciclopedia sobre a Costa da Morte. 

A Concellaría de Cultura volve a contar coa colaboración da Fundación Luis Calvo Sanz para que Carballo volva a converterse na capital das letras nos primeiros días do verán. 

Comentarios