A regueifa tece vínculos entre os centros de ensino de Bergantiños
Auténtica revolución escolar a vivida este mércores na Praza do Recheo de Ponteceso. 7 centros de ensino da comarca de Bergantiños (IES Parga Pondal, IES Alfredo Brañas, IES Pedra da Aguia da Ponte do Porto, CPI As Revoltas de Cabana de Bergantiños e IES Eduardo Pondal de Ponteceso) participaron no Encontro Bergantiñán da Final da Liga Escolar de Regueifa. Un proxecto que naceu o ano pasado co ano adicado ás cantareiras que pode ter unha gran continuidade, fomentando a creación de vínculos entre os diferentes centros.
380 rapaces e rapazas dos centros antes mencionados (e tamén dos IES Monte Neme de Carballo e o CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco que non se quixeron perder a xornada festiva), rimaron e bailaron nunha foliada educativa.
O Concurso
O xurado (formado por Julia Ures Villar, Técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ponteceso; Carme Pereiro, Técnica de Normalización Lingüística do Concello de Carballo; e Fátima Souto Muñiz, profesora de Lingua Galega e Literatura no CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco), determinou que o primeiro premio fose para o IES Parga Pondal de Carballo (premiado cunha gran rosca de pan de ovo e un suadoiro para cada un dos regueifeiros) e o segundo premio foi para o IES Alfredo Brañas de Carballo (premiado cunha rosca mediana de pan de ovo e unha camiseta para cada un dos regueifeiros).
Dende os centros agradecen a colaboración do CFR da Coruña (que pagou os desprazamentos en bus), do Concello de Ponteceso que puxo o son para o evento, do Concello de Vimianzo (a lona da Liga de Regueifa) e aos Concellos de Ponteceso e Carballo que colaboraron coas merendas.