Os socialistas esixen á Xunta que acometa con urxencia a ampliación do polígono de Bértoa
Os socialistas reclamáronlle que acometa canto antes a ampliación do polígono industrial, "unha área clave para o desenvolvemento da comarca e que na actualidade carece de parcelas dispoñibles para o asentamento de novas empresas". En declaracións aos medios, e acompañados de compañeiros e compañeiras socialistas de toda a comarca, o secretario de Acción Territorial do PSdeG, Aitor Bouza, e a deputada Patricia Iglesias recordaron que "pasaron seis anos desde que Feijoo prometera incrementar a superficie da zona empresarial". De feito, aínda en xaneiro de 2023 a Xunta avanzaba que a ampliación estaría lista a mediados de 2025...
“Seguimos esperando”, denunciou Iglesias. A día de hoxe só está licitado, “pero non adxudicado”, o proxecto de expropiación dos terreos. Tampouco están listos a modificación do planeamento nin os trámites para a reparcelación e urbanización. O que si deixou claro a Xunta é que “ata o 2028 non imos ter solo dispoñible”, censurou a deputada.
A ese recoñecemento por parte do Executivo de Rueda, Patricia Iglesias uniu outras mostras da “pouca aposta do Goberno galego coa bisbarra de Bergantiños e a Costa da Morte”. Entre elas, apuntou que a Variante que debería conectar Carballo co polígono “segue esperando no soño dos xustos”.
Aitor Bouza afondou na necesidade de incrementar a oferta de solo industrial na zona, “unha reivindicación histórica” que a Xunta debe atender en vez de “mirar para outro lado”. “Rueda ten que cuprir os seus compromisos, non só electoriais, senón tamén cos veciños e veciñas”, dixo o secretario de Acción Territorial, para o que o desenvolvemento do polígono demostraría que se aposta polo emprego “e por exercer as competencias autonómicas”.
Máis novas