Concello e empresariado acordan unha proposta para mellorar o proxecto da ampliación do polígono de Bértoa
- Os empresari@s amosan a súa preocupación por tres temas
O pasado mes de xaneiro a Xunta informaba aos empresarios como é o proxecto de ampliación do Polígono de Bértoa. Esta pasada mañá de mércores, o Concello de Carballo e o empresariado mantiñan unha xuntanza para acordar os puntos dunha proposta de mellora do proxecto de ampliación do polígono de Bértoa. Ambos grupos coinciden en que o proxecto da Xunta é mellorable, considerando unha necesidade a axilización máxima dos trámites para o desenvolvemento do solo industrial previsto no proxecto de ampliación.
Consideran os prazos “inasumibles”, tendo en conta que apenas quedan 5 parcelas dispoñibles, e que a primeira fase (a máis pequena, de 110.781 metros cadrados) estaría dispoñible, se todo sae ben, a mediados de 2025, e o sector máis grande da ampliación (470.219 metros cadrados) tardaría aínda máis.
Precisamente este martes rematou o prazo para participar no concurso convocado por Xestur, e o día 30 procederase á apertura das proposicións presentadas polas empresas interesadas.
3 temas que máis preocupan aos empresari@s
Dende os empresarios queren enfatizar que se priorice a vocación industrial do polígono, e que as parcelas destinadas no Plan Orixinal a uso comercial, poidar ter un uso mixto que permita que as empresas industriais poidan adquirir esas parcelas.
Outra cousa que subraia o colectivo empresarial é a importancia de que en paralelo á execución da ampliación se executen novos accesos. Agora mesmo só hai 3 accesos, algo saturados para o fluxo actual nas horas punta de entrada e saída.
Así mesmo, piden que se clarifiquen cales son os instrumentos de ordenación, os que teñen que asumir os costes, os prazos e os responsables deses 240.000 metros dese solo que chaman “diferido”.
Novas relacionadas
- Xaneiro 23: A ampliación do Polígono de Bértoa estará lista a mediados de 2025.
- Decembro 22: A Variante de Carballo ralentízase aínda máis no Parlamento.
- Xuño 2022: Por fin ponse en marcha o proxecto de ampliación do Polígono de Bértoa.
- "Carballo precisa máis solo industrial"
- Os empresarios de Bértoa piden conexión co transporte público e que se cumpran os prazos da Variante