Sometido a información pública o proxecto da Variante de Carballo
A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete a información pública o proxecto de trazado da variante de Carballo. Unha demanda histórica, que leva pedindo o tecido empresarial, social e política carballés dende hai case dúas décadas, para evitar que o tráfico pesado percorra zonas escolares do centro carballés, e poder unir facilmente o polígono con Santiago e a AP9.
Así, despois de ducias de promesas e prazos incumpridos (falouse de que estaría lista en 2020...), por fin se desbloquea.
Trátase de avanzar no desenvolvemento dunha estrada de novo trazado que serva de variante polo sureste ao núcleo urbano de Carballo. Permitirá a conexión do parque empresarial de Bértoa, a AC-552 e o enlace Carballo Leste da AG-55 coas estradas DP-1914 e AC-413, situadas ao sur e sureste de Carballo.
O proxecto suporá un investimento estimado de máis de 22 M€. O prazo para presentar alegacións a este proxecto será de 30 días hábiles contados a partir de mañá.
A intensidade media do tráfico no ano horizonte 2045 estímase que oscilará entre os 8.747 e os 11.360 vehículos/día, dependendo do treito.
As actuacións
As actuacións proxectadas comprenden unha estrada de novo trazado e velocidade de proxecto 80 km/h. As conexións con outras estradas resólvense a nivel mediante glorietas. A estrada estará valada e non se permitirán os accesos salvo nas glorietas que delimitan os treitos do trazado.
No proxecto que se somete agora a información pública o trazado da nova estrada en planta estrutúrase en dous tramos que teñen orixe e final nas interseccións a nivel previstas en forma de glorieta. En concreto, o primeiro treito, cunha lonxitude de 2,8 Km se inicia nunha nova glorieta situada na AC-413 e discorre dirección NE, finalizando na glorieta existente na AC-552. O segundo teito de novo trazado, de 0,8 Km, se inicia na DP-1914 e finaliza nunha nova glorieta na AC-413.
As estruturas a desenvolver inclúen un viaduto sobre o río Anllóns de 340 m de lonxitude, dous pasos superiores sobre a variante no treito entre a AC-413 e a AC-552; un paso inferior baixo a variante no tramo entre a DP-1914 e a AC-413, de dimensións interiores 10 x 4,5 m.
Tamén se prevé un muro de contención no treito final da variante, na marxe dereita no punto de conexión coa AC-552, e un marco para o rego Añón, no treito entre a AC-413 e a AC-552, de dimensións interiores 6 x 3,5 m.
Con respecto ás glorietas, construiranse dúas glorietas de 60 e 70 m de diámetro con dous carrís de 4 m, beirarrúa exterior de 1,5 m, beirarrúa interior de 1 m e berma de 1 m nas interseccións coa AC-413 e DP 1914.