Luns. 07.10.2024
El tiempo

Novo retraso da Circunvalación de Carballo: Non estará lista en 2022 como anunciara a Conselleira

A Conselleira Ethel Vázquez co alcalde de Carballo Evencio Ferrero
Novo retraso da Circunvalación de Carballo: Non estará lista en 2022 como anunciara a Conselleira

Tras 14 anos de promesas, foi 4 días antes das Eleccións do pasado me sde xullo cando a Xunta anunciaba a licitación do proxecto da Variante de Carballo. Pero pasadas as eleccións, parece que os prazos se esquecen. Era a propia Conselleira Ethel Vázquez a que lles confirmara aos empresarios do polígono de Bértoa que “a circunvalación sería unha realidade no 2022”, pero resulta que “os 20 meses de prazo establecidos pola Xunta para a redacción do proxecto demostran que o PP quere retrasar unha infraestrutura imprescindible para Carballo”.

Así o denuncia o BNG carballés ao ver que “a circunvalación de Carballo non será unha realidade no 2022”. “A redacción do proxecto aínda non está adxudicada, e aínda será a partir da sinatura do contrato cando empecen a contar os 20 meses de prazo para elaboralo, o que nos sitúa, como mínimo, no verán do ano 2022. Despois haberá que licitar a execución da obra, co que xa estaremos no 2023”.

As explicacións da Xunta

Onte mesmo, a Xunta explicaba “a situación derivada pola covid e as restricións que supuxo a declaración do estado de alarma obrigou a retrasar un pouco a súa licitación”, pero asegura que “o compromiso da Xunta con esta infraestrutura sigue vixente”.

Informa que este venres 14 de agosto remata a fase de presentación de ofertas para a licitación, e que “a partir de aí, impulsaranse os trámites administrativos necesarios de acordo coa Lei de contratos, co proceso de adxudicación e posterior sinatura do contrato coa empresa que resulte adxudicataria para a redacción do proxecto de trazado, construtivo e impacto ambiental desta primeira fase”.

Deste xeito, a Xunta xa non quere coller os dedos cos prazos e indica que “o obxectivo é facela o antes posible”.

Peaxe

Sorprende, e moito que a Xunta aproveite a comunicación para sinalar que “ mantén a autoestrada A Coruña-Carballo entre as máis baratas de España”, cando falamos dunha infraestrutura de 30 km. que custa 2€ en dúas peaxes, e que conta con 5 treitos de velocidade máxima de 100km/h.

Novas relacionadas

Comentarios