A veciñanza impediu un roubo nun bar de Carballo

A Policía Local e a Garda Civil de Carballo participaron na detención de dous individuos, un home de 46 anos e unha muller de 27, ambos veciños da vila, como presuntos autores dun intento de roubo con forza en grao de tentativa.
O incidente comezou na madrugada do 5 de xullo, cando os detidos intentaron entrar no Bar Okay da vila de Carballo rompendo a fiestra do establecemento. Esta acción foi frustrada pola intervención de varios veciños, que, ao decatarse da situación, os sorprenderon e fixeron que fuxisen inmediatamente.
Esa mesma noite, e a poucos metros do establecemento, o home de 46 anos foi detido por axentes da Policía Local tras ser sorprendido intentando outro roubo nunha tenda de informática. Os axentes acudiron ao lugar tras recibir un aviso e, ao chegar, confirmaron que entraran no establecemento. Dentro, localizaron o individuo, quen, ao ser sorprendido, intentou fuxir sen éxito.
Posteriormente, tras unha denuncia presentada polos propietarios do bar, a Garda Civil iniciou unha exhaustiva investigación que culminou na identificación e posterior detención dos dous sospeitosos implicados no intento de roubo no establecemento.
Finalmente, os detidos foron postos a disposición do Xulgado de Garda de Carballo.