A veciñanza de Baldaio critica “o xogo da pataca entre administracións” e convoca unha nova concentración

Imaxe da concentración da semana pasada en Baldaio

Esta semana houbo unha xuntanza en Santiago de Compostela, convocada pola directora xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, Marisol Díaz Mouteira, con participación do xefe da Demarcación de Costas do Estado en Galicia, Carlos Gil; o autor do informe científico da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Pablo Ramil; un técnico de Protección do Litoral da Xunta e outro do Concello de Carballo, ademais do alcalde, Daniel Pérez, e o concelleiro de Medio Ambiente de Carballo, Miguel Vales.

Na reunión as administracións coincidiron na necesidade de abordar o problema desde unha perspectiva estrutural e de buscar a solución final dun conflito que se arrastra desde hai anos, previa realización dos estudos técnicos correspondentes. Con todo, o alcalde incidiu que nestes momentos a situación é de “urxencia absoluta” e as administracións teñen que abrir a canle xa polo impacto directo que a colmatación da canle dende o mes de maio está a ter sobre o colectivo de mariscadores e mariscadoras, sobre a veciñanza e sobre os establecementos hostaleiros e de servizos da contorna.

As administracións debateron sobre a responsabilidade da actuación, tendo claro que é a Xunta a responsable principal. Esta sinalou que ao existiren dereitos de explotación marisqueira afectados, a intervención debería ser canalizada a través da Consellería do Mar (que non estaba na reunión), previa solicitude da agrupación de mariscadores.

Ante a inacción, concentración

E mentres as administracións se debaten, a sociedade actúa, e volve manifestarse. A veciñanza non entende “o xogo da pataca quente entre administracións roza o absurdo”, e pode asumir máis a emerxencia ambiental e sanitaria: mortandade de peixes e marisco, augas estancadas, falta de osíxeno, cheiros insoportables e unha praga insostible de mosquitos que está a afectar de cheo á calidade de vida de toda a veciñanza.

Ante esta situación, a veciñanza volverá sacar as pas e vaise concentrar o ventes 7 de agosto ás 20:30 h.

Máis novas