O PP confirma que a Xunta actuará para abrir na Lagoa de Baldaio: "A natureza non foi capaz"
Trala petición, a comezos de mes, por parte do Concello, unha comitiva do PP visitaba esta fin de semana a zona de Baldaio, para comprobar a necesidade de actuar para liberar a lagoa de Carballo.
Os deputados do Grupo Popular Rubén Lorenzo, Carmen Pomar e Gonzalo Trenor amosaron hoxe a disposición da Xunta de Galicia a actuar coa maior brevidade posible para abrir de novo a entrada de auga do mar á lagoa de Baldaio en Carballo.
Rubén Lorenzo, Carmen Pomar e Gonzalo Trenor avanzaron que a Xunta procederá nos vindeiros días á apertura de novo da entrada da auga á ría de Baldaio co obxectivo de favorecer o intercambio mareal e recuperar a normalidade nesta zona. “Con isto conseguimos o mantemento e o restablecemento do ecosistema da ría e un estado de conservación favorable para a flora e a fauna existente”, apuntaron.
“Unha vez que se comprobou que a natureza non foi quen de abrir unha canle para dar saída á auga da ría cara ao mar, a Xunta acometerá proximamente unha actuación para que todas aquelas persoas que viven na contorna e as que levan a cabo tarefas de recollida de marisqueo poidan volver á zona a realizar as actividades habituais que viñan facendo en Baldaio”, manifestaron.
Os deputados lembraron que os peches da ría por acumulación de area vividos nos anos 2020 e 2023 “xa se solucionaron coa intervención da Xunta, que agora será novamente quen leve a cabo os traballos necesarios para permitir a apertura dunha canle que recupere o intercambio mareal”.



