A veciñanza de Verdillo impulsa un arquivo da memoria de Constantino Campos Pena
Coincidindo co 25º aniversario do falecemento de Constantino Campos Pena, que se cumpriu o pasado 29 de xuño, un grupo de veciños e veciñas de Verdillo (Carballo) puxo en marcha unha iniciativa para recompilar e preservar a memoria da súa etapa como párroco de Verdillo, onde desenvolveu unha intensa labor social e pastoral desde 1968; así como da veciña parroquia de Artes e en Cabanas e no Barro (A Baña).
No ano 1999, ao recibir o recoñecemento como Carballés do Ano, D. Constantino confesaba nunha entrevista que o seu principal defecto fora "non deixar un arquivo sobre a historia da parroquia para os seus sucesores". Vinte e cinco anos despois do seu falecemento, esta iniciativa pretende facer realidade aquel desexo.
O obxectivo é crear un arquivo colaborativo que recolla testemuños, documentos e materiais que permitan reconstruír a historia da parroquia e da comunidade durante os anos nos que D. Constantino estivo á súa fronte. Para iso, faise un chamamento á participación de todas as persoas que compartiron aquela etapa ou conservan algún recordo dela.
Os organizadores convidan a achegar anécdotas, vivencias, recordos relacionados coa construción das pistas, a creación das distintas asociacións, as celebracións relixiosas, así como fotografías, documentos ou calquera outro material que contribúa a enriquecer este proxecto colectivo. "Queremos que sexa un arquivo feito entre todos. Cada fotografía esquecida nun caixón, cada anécdota ou cada documento pode achegar unha peza importante para comprender a historia da parroquia e o legado de D. Constantino", explican os impulsores do proxecto.
Toda a información recompilada servirá para elaborar un documento de carácter histórico e divulgativo que será compartido coa veciñanza, co propósito de conservar e transmitir ás novas xeracións o legado humano, social e comunitario de D. Constantino Campos Pena.
As persoas interesadas poden enviar os seus recordos a través do formulario habilitado en bit.ly/
A organización anima tamén á cidadanía a difundir esta iniciativa entre familiares, amizades e persoas que viviron aquela época, co convencemento de que cada recordo pode contribuír a completar unha parte importante da historia recente de Verdillo e do resto da zona.
Outros artigos de Luís Bermúdez sobre patrimonio eclesiástico
- A peculiar imaxe de San Pedro da capela de Ferrol (Rus, Carballo)
- A Virxe das Eiroas de Rus, en Carballo
- Advocacións marianas nas igrexas do concello de Coristanco
- “O Corpus na aldea”: as festas sacramentais nas nosas freguesías
- Os obxectos dunha casa reitoral de Bergantiños en 1822
- Pablo Ángel Aldao e Breijo: un bergantiñán reitor, cóengo e catedrático