sábado. 02.05.2026
El tiempo

Pablo Ángel Aldao e Breijo: un bergantiñán reitor, cóengo e catedrático

Capela do Santo Anxo de Silván, hoxe da Saleta, fundada pola familia de don Pablo Ángel Aldao. Foto do autor.
Capela do Santo Anxo de Silván, hoxe da Saleta, fundada pola familia de don Pablo Ángel Aldao. Foto do autor.
Pablo Ángel Aldao e Breijo: un bergantiñán reitor, cóengo e catedrático

Don Pablo Ángel é un ilustre fillo da terra de Bergantiños. Como indica o Almanaque gallego, de 1917, na entrada que ofrece sobre o apelido Aldao, don Pablo foi rexente do colexio de san Xerome de Santiago, catedrático de Teoloxía na Universidade de Santiago, coéngo maxistral e dignidade de mestre-escola da R. I. Colexiata da Coruña, e reitor do colexio de Santiago Alfeo, en Compostela, no ano 1692. Figura na lista dos fillos ilustres da Universidade de Santiago, á altura de nomes como o do Arcebispo Bartolomé Rajoy e Losada ou Gil Taboada. 

Don Pablo foi bautizado en Erbecedo, Coristanco, o 18 de xaneiro de 1666, no mesmo día no que nacera; a súa partida bautismal está recollida nos expedientes das Sagradas Ordes (AHDS, 550/17), xa que foi engadida aos informes solicitados para a súa prima clerical tonsura, polo ano 1681. Aínda que nacera en Erbecedo, a familia mudárase para a cidade da Coruña, onde eran fregueses da parroquia de Santiago; eran cristiáns “vellos” e exemplares. A partida bautismal de don Pablo Ángel é a seguinte:

El dieciocho de enero del año de mil seiscientos sesenta y seis nació Pablo Ángel a mediodía, y a la tarde se bautizó en la parroquial iglesia de San Salvador de Erbecedo, hijo del regidor don Francisco de Breijo y Aldao, y de doña Josefa de Conde y Aldao, su mujer; fueron sus padrinos el capitán Rodrigo de Breijo, su mujer y doña Ángela María de Bustamante, su hermana, estando presentes don Diego de Bustamante y Juan Rodríguez de la Iglesia. Le bautizó Juan Rodríguez de Leis, vecino de la feligresía de Santa María de Ardaña, clérigo presbítero, escusando al Licenciado Juan da Vila Vallador y Rodríguez, que ha sido de esta feligresía de Erbecedo y lo firmo. Erbecedo, dicho día, mes y año.

Polo ano 1649, o avó de don Pablo erixira unha capela dedicada ao Santo Anxo da Garda; pola contra, será o seu neto quen a dote cunha obra piadosa e benéfica: reuniu todos os seus bens para fundar unha escola de nenos (12 de Silván, e se non os houbese, podían ser doutras aldeas) onde fosen ensinados a ler, escribir e contar. Ademais, un clérigo (o capelán) debería de atender a carga de doce misas anuais e ocupar dúas horas de confesionario nos días festivos. Existe unha escritura dada o 2 de abril de 1727 no arquivo parroquial. Pumar Gándara, sacerdote que foi párroco de Erbecedo, coñece ben a historia desta fundación. Apunta que o número de doce alumnos podería vir ben pola imitación da cantidade de membros do colexio apostólico, ou pola idea de Fonseca III de ter esa cifra na fundación dos colexiais. Actualmente, a pía vontade de don Pablo Ángel segue a prestar un servicio aos veciños da parroquia e do municipio: o novo complexo parroquial, dedicado ao santo Anxo (inaugurado o 13 de agosto de 1983), serve de templo para a numerosa parroquia de Erbecedo; a casa da fundación é centro social. A antiga capela é hoxe coñecida pola advocación da Virxe da Saleta. 

Don Pablo pertencía á Orde Terceira de San Francisco e, polo tanto, á hora da súa morte foi sepultado na igrexa desta venerable Congregación. A partida de defunción atopámola no arquivo da parroquia compostelá de San Froitoso (fol. 73 vº): 

El veintiuno de septiembre del año de mil setecientos veintisiete se dio sepultura en la capilla de la Venerable Orden Tercera de Nuestro Padre san Francisco al cadáver del doctor don Pablo Ángel de Aldao, catedrático de prima en la Universidad de Santiago, rector del Colegio de san Jerónimo; recibió los Santos Sacramentos juntamente con el de la Extremaunción. Hizo testamento que pasó por delante, hizo Simón Rodríguez, escribano de número del Ilustrísimo Cabildo, los actos si deja alguna fundación u obra pía según consta de su testamento…

Non podemos deixar de citar ante os lectores unha fundación semellante instituída na capela de santa Lucía de Artes, feita polo catedrático da Universidade Pontificia de Santiago don Feliciano García de Seárez Fernández, que tiña bens familiares nesta freguesía carballesa. Naceu na parroquia de Santo Tomé de Ames aló polos anos sesenta do século XIX, e finou en Santiago o 4 de marzo de 1932 aos 72 anos. Sacerdote culto e erudito, impartía clases de Latín, Teoloxía (da que era doutor), Metafísica e Apoloxética; falaba con soltura alemán, inglés e italiano. Unha sobriña súa, Esperanza Paz García de Seárez, entrou como monxa carmelita no Carme de Arriba, en Santiago, o 28 de setembro de 1901. Don Feliciano establecera no seu testamento, dado o 13 de xuño de 1918, que na capela de santa Lucía se rezara diariamente o Rosario, o capelán explicase media hora por tres días o catecismo do P. Ripalda e se celebrase unha Misa semanal pola súa alma.

Outros artigos de Luís Bermúdez sobre patrimonio eclesiástico

Comentarios