Venres. 19.04.2024
El tiempo

Xulio García Rivas expón en Espiral Maior Foro

Espiral Maior Foro Carballo
Así é o espazo de Espiral Maior Foro en Carballo
Xulio García Rivas expón en Espiral Maior Foro

O mércores, 15 de decembro, ás 20:00 h., na Galería de Arte de Espiral Maior Foro (Rúa do Sol, 34), terá lugar o acto de inauguración da exposición pictórica de Xulio García Rivas “As raíces da luz”, composta por 25 obras en diferentes formatos, realizadas todas elas ao longo do ano 2021, e que constitúen unha excelente mostra do último traballo do recoñecido artista. A oferta artística da presente exposición verase completada con debuxos sobre papel e acuarelas en pequenos formatos que darán conta do potencial creativo do autor.

Participarán no acto, ademais do pintor, o escritor e crítico de arte Xavier Seoane; o profesor, escritor e cronista de Carballo Xan Fraga e o escritor e director de Edicións Espiral Maior Miguel Anxo Fernán Vello. 

Xulio García Rivas

Xulio García Rivas (1947), licenciado en Belas Artes pola Universidade de Barcelona e iniciada a súa carreira artística no Vigo de finais dos anos 70 do pasado século, está considerado como unha das grandes referencias da pintura galega actual. Profesor de Debuxo durante oito anos no IES carballés Alfredo Brañas, onde se xubilou, a súa obra pictórica foi recoñecida co Premio Díaz Pardo da Deputación da Coruña e figura en importantes coleccións públicas e privadas de Galicia (Parlamento de Galicia, Caixanova e Deputación de Pontevedra, entre outras), España (Caja de Madrid) ou América (Hermandad Gallega de Caracas).


 

Comentarios