A Xunta inicia hoxe os traballos para reabrir a lagoa de Baldaio
Houbo que enviar ducias de peticións dende o Concello, e mesmo tivo que saír á rúa a veciñanza. Pero finalmente, despois de 3 meses colmatada provocando un deterioro ecolóxico importante, a Xunta empeza hoxe os traballos na lagoa de Baldaio, o fin de restaurar o intercambio natural de auga entre o humidal e o medio mariño.
Os traballos, que se iniciarán coincidindo coa baixamar para aproveitar a propia dinámica das mareas e que dependerán en boa medida das condicións meteorolóxicas e marítimas da zona, buscan retirar o tapón de area existente co obxectivo de que a canle estuarina recupere a súa funcionalidade e se restableza a conexión natural entre a lagoa e o mar.
Nunha primeira fase, a maquinaria rebaixará a acumulación de area existente na zona da canle para crear unha pendente que facilite a saída progresiva da auga. Posteriormente, completarase a apertura da canle ata acadar a profundidade necesaria para favorecer un fluxo gradual entre a lagoa e o mar.
Plan a longo prazo
O peche reiterado da canle de comunicación co océano dificulta a renovación da auga da lagoa, favorece episodios de anoxia e incrementa de forma significativa a temperatura da auga, o cal compromete tanto o estado de conservación dos hábitats e especies presentes neste espazo como a viabilidade da actividade marisqueira, así como as condicións adecuadas de salubridade.
Neste contexto, a proposta acordada pola Xunta e o Concello de Carballo non só recolle estas actuacións urxentes, senón que tamén aposta por abordar o futuro da lagoa desde unha perspectiva integral e a longo prazo a través dunha comisión técnica de seguimento na que as distintas administracións implicadas colaborarán na elaboración dunha proposta global de intervención e xestión.
Así, o futuro plan establecerá as actuacións necesarias para garantir un estado de conservación favorable dos hábitats e das especies, asegurar a continuidade dos aproveitamentos marisqueiros tradicionais e propiciar un uso compatible e sustentable deste espazo natural de referencia na costa galega.
Máis novas