Arrinca a semana das Letras tamén en Carnota
Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas o Concello de Carnota levará a cabo, ao longo desta semana, unha serie de actividades encamiñadas a promover o uso da lingua galega nas xeracións máis novas e a divulgar a figura do autor homenaxeado este ano, o dramaturgo, director e actor, Roberto Vidal Bolaño.
O programa incíciase hoxe, 13 de maio, cunha Ludoteca Lingüística da man de Xandobela, dirixida ao alumnado de educación primaria dos centros educativos do municipio, e cun obradoiro de rap conducido pola rapeira viguesa Aid e artellado arredor do seu último traballo, o libro-disco Rapoemas, no que versiona os clásicos da literatura galega a ritmo de rap. Nesta última actividade participará o alumnado de 3º e 4º de ESO do IES Lamas de Castelo.
Así mesmo, o mércores, 15 de maio, os máis pequenos gozarán de dúas das sesións de contacontos que engloban o programa Contos nas Orellas, de Migallas Teatro, coa actriz Bea Campos. Por unha banda, o alumado de educación infantil do CEIP de Carnota e do CEIP do Pindo asistirá á función Que risa tía Luísa: contos para escachar coa risa, que terá lugar ás 10:30 h no salón de actos do Concello; e por outra, as nenas e os nenos da escola infantil a Galiña Azul, acompañados dos seus familiares, gozarán do espectáculo Entre arrolos e contiños: contos para os máis pequeniños, que se desenvolverá a partir das 12:00 h, nas instalacións da gardaría.
Para rematar, o xoves, 16 de maio, ás 11:30 h terá lugar na Axencia de Lectura Municipal o obradoiro Lembranza de Roberto Vidal Bolaño, actividade de aproximación ao autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, dirixida aos usuarios e usuarias do Centro de Día.
Novas relacionadas
- O Festiletras arrincou a ritmo de vogal.
- As FestiLetras da aldea do Couto viven a súa idade de ouro.
- Fisterra prepara unha Semana das Letras moi divertida.
- Cee propón un poético maio de Letras.
- Zas adica o mes das Letras a Vidal Bolaño.
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).