Luns. 29.04.2024
El tiempo

As FestiLetras da aldea do Couto viven a súa idade de ouro

As FestiLetras da aldea do Couto viven a súa idade de ouro
A xuventude da Aldea do Couto presentou o programa Festiletras 2013 -Foto Xose Manuel Varela

A consecución do premio á Promoción Cultural, por parte da Xunta de Galicia, e o Bergantiñán do Ano, convocado polo Padroado de Carballo, converten, a presente edición de 2013, o programa Festiletras na cita máis importante das Letras Galegas que ó longo destes 31 anos se ten celebrado nas terras de Ponteceso.

A cita dará comezo no mediodía do domingo 12 de maio, coa presentación ó público destes dous galardóns acadados recentemente, así como co pregón lido a dúo polo científico baiés Jorge Mira e a escritora ceense María Canosa. As actividades prolongaranse durante oito días, ata o domingo 19 de maio, no que se vivirá unha intensa xornada de artesanía e un festival de humor capitaneado polas Cantareiras de Ardebullo, recoñecidas co premio Galego do Ano, e tamén que servirá para lembrar o 20 cabodano do falecemento de Carlos O Xestal.

Homenaxe a Xaquín Marín

Cartel do Festiletras 2013

En certa maneira, Festiletras 2013 volve á súa orixe posto que o autor homenaxeado será o ilustrador gráfico Xaquín Marín moi coñecido polas viñetas humorísticas que publica en La Voz de Galicia. Esta homenaxe non é o primeiro vínculo que ten co Couto, dado que nos primeiros anos da Festa das Letras Xaquín Marín foi autor de distintos carteis así como deseñador do logotipo da Casa dos Veciños. Outros autores vencellados ó Couto e que tamén serán serán lembrados son Manuel María, Isidro Parga Pondal, Eduardo Pondal, Rosalía de Castro e Álvarez de Sotomayor, xunto con Roberto Vidal Bolaño.

Coma sempre, Festiletras 2013 está dirixido a todos os públicos. Para os escolares continuará activo o proxecto Conciencia do noso pasado no que, ademais dos percorridos guiados en autobús, se desenvolverán visitas e conferencias impartidas por Antonio Muíños, José Luís Rabuñal Patiño, Xosé Lires ou Xurxo Ayán. O alumnado realizará unha recreación do pasado mineiro do areal de Valarés e celebrará o encontro “Mil primaveras na casa de Pondal”. Tampouco faltará o teatro para os bebés da Galiña Azul, a cargo de Caramuxo Teatro.

>As noites serán un punto de encontro imprescindible para todo tipo de público. Por iso se programaron distintas actuacións, a partir das 23 h, na Casa dos Veciños nas que intervirán Rober Bodegas, Uxía Senlle ou A Cada Canto.

Artesanía

O evento complétase con música tradicional, encontros institucionais e distintas exposicións asinadas por Vicky Rivadulla, Anxo Cousillas ou Manuel María, ademais da tradicional Mostra de Artesanía que poñerá cabo a toda unha semana repleta de actos festivos e culturais.

Colectivos participantes

No artellamento do programa participan os colectivos Fundación Eduardo Pondal, Asociación Cultural Monte Branco, Asociación Cultural Inllar, Colectivo con V de Valarés e Coral A Oliveira de Monte Branco, agrupados baixo a denominación Aldea do Couto.

Para o desenvolvemento deste evento cóntase coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, da Fundación Centro Artesanía e Deseño, de Galicia Calidade, da Deputación Provincial da Coruña, do Concello de Ponteceso, da Fundación Barrié de la Maza, da Dirección Xeral de Xuventude, da Dirección Xeral de Igualdade, de La Voz de Galicia, Estrella Galicia e Colectivo Con V de Valarés.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa da Fundación Eduardo Pondal, da man de Xosé Manuel Varela.

Comentarios