sábado. 15.03.2025
El tiempo

Sen enfermeiro, sen pediatra... sen resignación!

Pancarta familias de Carnota polo recorte pediatria
Con esta pancarta sairán hoxe as familias por Carnota
Sen enfermeiro, sen pediatra... sen resignación!

A recente decisión do Servizo Galego de Saúde de eliminar “temporalmente” a praza de enfermaría pediátrica no Centro de Saúde de Carnota a partir do 10 de marzo é un exemplo máis dunha política que prioriza os números sobre as necesidades reais da cidadanía. Esta medida súmase á tamén “provisoria” pero prolongada ausencia de pediatra no concello, obrigando ás familias a desprazarse a Muros para recibir atención médica.

Baixo grandilocuentes e baleiros discursos que proclaman a posta en valor do rural e a loita contra o despoboamento, escóndense accións que, na práctica, desmantelan servizos esenciais, contrarias á equidade e á discriminación positiva que serían necesarias para garantir a xustiza social . Estas políticas de "custe cero" desvelan o verdadeiro discurso, no que os habitantes do rural somos cidadáns de segunda categoría.

Fomentar o asentamento estable de poboación nova no rural implica apostar por dereitos básicos como a educación, a sanidade e a vivenda. Porén, estamos a ser testemuñas dun desmantelamento silencioso e progresivo destes servizos: hoxe é o enfermeiro de pediatría, fai un ano foi a pediatra, hai seis meses o persoal educativo de atención á diversidade. Que será o seguinte?

Non podemos permanecer indiferentes ante esta situación. Como dicía Stéphane Hessel no seu manifesto ¡Indignaos!: "A peor das actitudes é a indiferenza, dicir 'non podo facer nada, arréglense como poidan'". É momento de que a cidadanía, nais, pais e todo o tecido social nos unamos, ergamos a voz e esixamos os nosos dereitos. 

Non somos un reclamo turístico nin a postal idílica para o descanso estival do mundo urbano. Non somos só a praia, o mar e a paisaxe para contemplar nas vacacións. O rural costeiro é un lugar habitado de forma estable, con familias que traballan, crian, coidan e constrúen comunidade todo o ano. Non somos periferia: somos cidadanía con plenos dereitos, e eses dereitos non poden quedar supeditados á lóxica dos números ou á rendibilidade económica. 

Non aceptemos este trato inxusto. Indignémonos e loitemos xuntos por un rural vivo e con servizos públicos de calidade. Resistamos porque, como nos recorda Manuel Rivas en Contra todo isto, "A resistencia é a única forma de manterse humano".

 

Novas relacionadas

 

Outros artigos de Ester Vázquez Blanco

Comentarios