mércores. 30.04.2025
El tiempo

O BNG únese á loita da veciñanza de Carnota contra o desmantelamento do servizo de pediatría

bng carnota pediatra pancarta
O BNG únese á loita da veciñanza de Carnota contra o desmantelamento do servizo de pediatría

Segue en loita a veciñanza de Carnota ante o continuo desmantelamento do servizo de pediatría do seu centro de Saúde. Despois das concentracións realizadas estas pasadas semanas tras descubrir a marcha do enfermeiro pediátrico, e tras un ano sen ter pediatra no centro, as demandas son apoiadas polo grupo de goberno socialista, que levou as criticas veciñais á Consellería, e tamén polo BNG.

Os nacionalistas consideran que “o goberno do PP na Xunta está a agravar a vida da veciñanza, facendo máis difícil o acceso a algo tan esencial como a sanidade pública”
Os nacionalistas, que esixen o restabelecemento inmediato do servizo pediátrico, manifestaron que “a veciñanza de Carnota, e especialmente as nenas e nenos, están a sufrir o desmantelamento progresivo dos servizos no rural”, e consideran que “neste caso o goberno do Partido Popular na Xunta de Galiza está a agravar a vida das nosas veciñas e veciños, facendo máis difícil o acceso a algo tan esencial como a sanidade pública”.

“O BNG de Carnota apoiará todas aquelas iniciativas encamiñadas a restaurar o servizo de pediatría no concello, así como levar ao Parlamento de Galiza as reclamacións e iniciativas precisas para acadar este  obxectivo”, afirmou a formación nacionalista.
 

Comentarios