O "Mendigo" expón no Tinglado

Wilma

Dentro do programa de eventos culturais do Tinglado (Carnota), xa está aberta unha mostra pictórica ata finais de abril.

Como quere permanecer no anonimato, digamos que "Mendigo" é o alias artístico deste pintor de orixe arxentino, da Provincia de Mendoza, para ser máis exactos.

Leva un ano xa por estes lares carnotáns e eu fixeime no seu xeito de pintar; "Mendigo" é autodidacta, así que entra no ilustrísimo gremio dos que "van por libre" e tanto aportaron á Historia da Pintura en termos globais.

A paleta de Mendigo é colorista e a figuración fai referencia á tradición latina da pintura máxica, pois aporta unha iconografía que responde, en parte, á mitoloxía e iconografía latinoamericana. O soporte utilizado é táblex e a técnica varía en función das necesidades expresivas e na maioría das ocasións implementa varias no mesmo cadro (técnica mixta).

"Wilma"

Este cadro de 120x90cm, móstranos unha personaxe en apariencia femenina sentada plácidamente nunha cadeira. O primeiro que observamos é unha composición que atravesa a diagonal do espacio, deste xeito o peso pictórico recae na parte inferior dereita;pensado así para crear sentido de espacialidade e respiro, na parte contraria do cadro.

A personaxe leva un tocado na cabeza e tamén nos mostra unha doble apariencia no seu rostro, sendo moreno e rubia ao mesmo tempo, coido que aquí nos mostra a súas intencións de "mestizaxe", que é o que somos todos, mestizos.

O cóbado apoiado na cadeira e as pernas cruzadas aportan certa perspectiva de profundidade e responden a que a figura sedente, pousa tranquilamente, como se meditara ou pensara abstraída no seu mundo. Non mira fixamente para ningures.
A personaxe semella importante xa que certamente está entronizada nesa cadeira.

Como un elemento simbólico, por aquelo das ás, no plano superior mostra o que ben podía ser un can ladrando que porta unhas alas e un aro de santidade, seguramente porque o animal é bo pero ruidoso, esto pode resultar chocante, xa que a figura humana permanece en calma; polo tanto podemos asegurar que ambas personazes se coñecen porque a figura central non se altera.

Non se nos escapan as influencias Picassianas, xa que aparecen ángulos mortos, fugas imposibles, dobles perspectivas e espacios planos, así como a resolución da transparencia da falda cunha simples liñas en negro e verde.

O resultado das súas pinturas son imaxes que habitan os cadros, a superficie, non importando nada as estruturas academicistas. As figuras fanse un lugar para ser representadas emocionalmente, ou "sentidas", na que o fondo ás veces é un mero decorado baleiro para dar protagonismo a figura e ás veces emplea toda a superficie para crear unha amalgama figurativa que busca facerse un sitio, case sempre como elementos representativos da iconografía personal do autor.

Horario de visita

De 10:00 h. a 14:00h. e de 18:00h. a 21:00h. (excepto luns e martes que pechados) no Tinglado, Carnota.

Máis artigos