sábado. 18.10.2025
El tiempo

Por que vivo no rural

Este pequeno texto, que narra inicialmente en primeira persoa o sentir de Nando Lestón, é tamén obra de Olalla Iglesias (Stoksund) e Javi Boquete (Carnota). Agradecemos a todos os que fixeron posible esta pequena enquisa. As súas respostas son para nós información de incalculable valor e utilidade no futuro dos nosos territorios rurais.
Vista aerea de Caldebarcos-Carnota
Por que vivo no rural

Fai xa algúns anos, cando volvín a Carnota, despois dun exilio laboral de 23 anos na cidade, deime conta da doble vida que levara. Estiven na cidade, si. Vivín nela e esta doume un lugar onde verter aquelo que o meu lugar de orixe non tiña capacidade de acoller.. ou si, pero daquela arriscábame a "morrer de fame" entre os "meus". Confeso aquela doble vida porque o manatial do que bebía o meu maxín fora construído, peza a peza, nun lugar aldeán onde os límites eran só físicos, meramente físicos. A doble vida consistía basicamente en vivir na cidade pensando como un aldeán.

O desasosego que sentía ás veces, naquelas avenidas cargadas de coches, nas continuas zonas de espera, no anonimato que se produce cando o "clan" non che saúda, na indiferenza cargada de baleiro cando un veciño pasa por un mal intre... e muitas máis posibles carestías que sentía, eran desafogadas en lugares que física e emocionalmente representaban, a pequena escala, certo
recordo co meu territorio natal. Tardei un tempo en darme conta... pero así era.

Ás veces, simplemente percorría a zona da Torre de Hércules camiñando polas rochas, pousando a mirada nos manoxos acogollados da Herba de namorar, transitando as mareas e os golpes de mar nos temporais para sentir, coma en Carnota, o armónico movemento das ondas que desprendían vapor de auga ensalitrada. Isto uníame emocionalmente ao fogar aldeán e facía que, durante uns intres, me sentira coma na CASA.

Non consistía nun simple reproche á cidade polo seu modelo de vida, era un reproche ao exilio forzado por ter que deixar atrás o que quería e amaba, o que sentía como "meu", para ter que "gañarme" a vida noutro lugar a tan só hora e media da miña MATRIZ.

O desapego transfórmase en indiferenza e esta, á súa vez, en irrelevancia e abandono. A maioría das persoas sinten "apego" cara ao lugar onde naceron; isto non supón unha doctrina, xa que outras comenzan e recomenzan as vidas noutros lugares e non por elo deixan de ser felices.

O apego é unha forma de sentir emocionalmente, unha sorte de unión vital de cara a un lugar, unha persoa ou mesmo un animal. O apego habita o sentir o desapego habita o contrario, a indiferenza.

Acontece pois, que no ámbito das poboacións rurais, aquelo que sumaba apego como era a conexión co territorio, a través dos diferentes e diversos oficios, estase a transformar, no caso de Carnota e polo que sabemos, na maior parte da periferia rural, en desinterese por parte das xeracións máis novas que ven, no modelo urbano, un referente actualizado dun modelo de vida máis
contemporáneo e global.

Coidamos que a visión ou percepción de certa parálise no eido rural, a incapacidade de trasladar unha imaxe "activa" e mesmo as carencias nos servicios esenciais, sen olvidar os estudos que forzosamente sustraen das aldeas e Concellos pequenos á mocidade con escaso retorno, é un resumo mui "elemental" do que está a acontecer na mal chamada España Baleirada.

As administracións Públicas, a través de diversas normas e leis, constrúen unha amalgama administrativa que fai que hoxe en día, no rural, teñamos que "empadronar" unha galiña no seu galiñeiro ou dicirlle a un galo que non cacaree co seu molesto cantar. As diferentes normas aprobadas para os usos nos montes, nos ríos e mesmo no mar, vannos separando pouco a pouco do noso medio natural, creando unha imaxe desvalorizada e minguada das posibilidades económicas que para o "relevo xeracional" son de pouco
interese.

Para o Rural os montes e os ríos forman parte da sua natureza vital; a cidade o que ve nestes lugares é auga e madeira. A transformación da paisaxe a través de monocultivos deseñados para a industria,a urbanización excesiva das aldeas, o turismo masivo, a complexidade para o emprendemento dificultan unha existencia sinxela.

As Administracións actúan sobre o "Ruralismo" sen contar cas xentes que o habitan, creando unha sensación de irrelevancia que se transforma en desinterese e desapego e dese xeito e pouco a pouco, chega o abandono.

Tamén o abandono emocional a un custo difícil de reparar. Pero a pesar de todo o sentimento de pertenza é forte.

A existencia no Rural busca novos camiños que transitar sen sacrificar un modelo sinxelo que consiste na coexistencia con xentes foráneas, que ven no Rural un lugar e un modelo de sinxelo habitar e no que poden aportar a sua experiencia e coñecemento, amplificando unha única voz.

O emprendemento persoal, con todas as súas dificultades (escaseza de axudas e altos impostos), comenza a ser un incipiente modelo que ten o afán de perpetuarse. Os modelos económicos baseados no baixo consumo de recursos naturais, as economías sociais, a comunidade rural no centro do discurso, así como un claro "espertar" de que estamos no camiño axeitado, fai que as
persoas que viven nestas áreas vitais se resistan a entrar nun modelo de consumismo e produtivismo que se traduce en precariedade e inexistencia. Vivir para traballar; capitalismo puro e duro.

Ben, despois de constatar nesta introducción, certas eivas que se producían en Carnota e por extensión á zona da Costa da Morte e por extensión á Comarca do Barbanza e por extensión a todalas áreas rurais de Galicia, un grupo de persoas decidimos enviar unha enquisa a través das redes sociais a os nosos veciños e veciñas. Queriamos participar e encamiñar unha serie de accións no senso de revitalizar e repensar a nosa forma de existir no Rural.

Finalmente outros Concellos como o de Outes ou Noia e mesmo en Stoksund, unha pequena comunidade costeira en Noruega, sumáronse a esta iniciativa que, o que pretendía, era coñecer a opinión e mesmo o sentir da veciñanza para fixar unha posición ou se se quere, facer un inventario tanto real como emocional, o sentir e o estar destas persoas e, para slo, realizamos dúas sinxelas, á par que complexas, preguntas:

POR QUE VIVO NESTE LUGAR E POR QUE DEIXARIA DE VIVIR NEL?

Non é, polo tanto, un mal menor vivir no Rural, se non un ben maior que, dalgún xeito, nos conecta co que somos, unha gran casa a que, aínda con esquecementos, todos temos dereito de pertencer e vivir.

Certamente, a participación da veciñanza, das diferentes áreas xeográficas a que se inquiriu unha resposta non foi masiva, pero si abondosa coma para sustraer certas conclusións que nos axudan a percibir en que intre estamos.

Aquí resumimos brevemente os aspectos máis rechamantes de todos os lugares.

En todos os territorios, Noia, Outes, Carnota ou Stoksund, existe unha distinción entre as dimensións emocionais e prácticas, ambas esenciais para desenvolver unha vida de alta calidade arraigada no territorio. O aspecto emocional relaciónase co sentido de conexión, servindo como catalizador para as expectativas vitais e como motor do coidado, tanto para o medio ambiente como para a comunidade.

En todos os territorios, a xente menciona primeiro a paisaxe e a natureza, sendo o océano o elemento central. En segundo lugar, refírense á identidade e á pertenza, mencionando os veciños e as familias.

En relación con isto, en Galicia amósanse diferenzas entre os residentes nativos e os recén chegados. Os primeiros tendían a falar de raíces persoais, mentres que os segundos referíanse a un forte sentido de comunidade e territorio. Polo tanto, a natureza e a pertenza son os elementos que ancoran e crean relacións emocionalmente estables nos territorios.

A segunda gran semellanza atópase nos aspectos prácticos e loxísticos, é dicir, os elementos que facilitan a vida diaria. En ambos os territorios, a xente menciona servizos como a educación, a saúde, o transporte e o emprego como variables únicas que, en deterioro, serían a causa do súa marcha do territorio.

Por último, un achado notable é que, un pequeno número de participantes indicou que permanecería indefinidamente no territorio, só sendo unha gran enfermidade ou a morte os detonantes da súa marcha.

Así, máis alá de concluír que as respostas en todos os territorios seguen un patrón común, que sería interesante explorar máis a fondo, queremos destacar a seguinte observación que nos dá pistas sobre como empezar a encarar os grandes problemas do rural:

Para atraer ou reter poboación, observamos necesario investir no vínculo emocional, que só se desenvolve a través de encontros e relacións sociais en múltiples ámbitos como a cultura, a educación, o emprendemento ou os coidados, e todos indudablemente ligadas á natura, ó territorio. Non obstante, este proceso tamén debe ser apoiado loxística e economicamente por unha rede de institucións tanto públicas como privadas.

Estas institucións deben traballar conxuntamente para crear e manter servizos, todo no marco dunha estratexia demográfica que reexamine os conceptos relacionados coas novas ruralidades e apoie os procesos de crecemento e transformación rural.

Ruralismo 3.0

 

A VIÑETA DE NANDO LESTÓN

MÁIS ARTIGOS DE NANDO LESTÓN EN QPC

 

Comentarios