O Monte Pindo prepara o seu Encontro

Xa sabemos que O Trail Monte Pindo será o máis duro de Galicia. Pero é que o Olimpo Celta acollerá dous trails este verán de 2015, e se xa repasamos o da AMPPN, hoxe tócanos ir canda os amigos da Asociación Pedramar, que xa teñen armado o completo programa para o VII Encontro Monte Pindo.

Será o Trail Encontro Monte Pindo o punto forte dun programa ateigado de actividades. A proba de aventura darase o sábado 11 de xullo, unha festa deportiva de primeira orde.

Pero o programa traerá motas máis cousas, facendo fincapé no sendeirismo, a historia, a música e facendo unha rendida homenaxe á gastronomía da zona.

Arrincará o venres 10 de xullo ás 16:30h no edifico multiusos do porto do sinal, e terá lugar a aperta cunha mesa na que dous vellos contadores como Modesto García Quintáns e Pepe do Fieiro, grandes amigos de QPC, falarán dos segredos agochados do Olimpo Celta.
De seguido, e máis en clave arqueolóxica, tomarán a palabra Felipe Senén e Tito Concheiro, dous especialistas que nunca fallan á cita coa Pedramar. E rematará a noite cunha degustación gastronómica e a novedosa Saída da II Andaina Nocturna Do Mar á Moa, facendo noite no cumio e baixando ao mencer.

Para o sábado 11 de xullo, toca tamén Andaina diurna e ás 14:00h degustación na praza da Solaina. Ás 18:30 arrinca o Trail e ás 21:00h terá lugar a Entrega de Premios que se celebrará con pinchos e música.

E o domingo, dúas viaxes en Catamarán polas Illas Lobeiras e logo nova Andaina polo roteiro do Fornelo, para rematar ao mediodía cun Xantar Popular con actuación.

Inscrición

Cómpre inscribirse en pedramaropindo.org ou no 607 724 557. A fin de semana sen noite sae a 45€ e con noite á 75€.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).