Alertan do risco de realizar actos institucionais dentro da esfolada fábrica baleeira de Caneliñas
Volveu pasar. A visita institucional a Caneliñas para anunciar o futuro Catálogo de Bens de valor cultural no litoral incluíu a entrada dunha completa comitiva dentro da antiga e abandonada fábrica baleeira.
Xa é a segunda vez que o goberno socialista local organiza un evento destas características invitando a entrar na esfolada fábrica. Algo que para o BNG é un verdadeiro risco. “Falamos dnunhas instalacións en ruinas, nas que está prohibido o paso, e invitan a toda unha comitiva sen ningún equipo de protección, botas ou cascos, entre outros. O risco de desprendementos das paredes ou dos teitos de uralita, cheos de amianto contaminante, era mais que claro, e polo tanto expúxose aos asistentes a un risco innecesario”, apunta o BNG local.
”As intalacións seguen como antes, ou peor co paso do tempo, as paredes e teitos seguen en risco de derrubamento, exsiten balsas de catro ou cinco metros de profundidade cheas de auga, pisos e eiras revestidas de madeira quebradiza e chea de carcoma, e mais situacións propias dunha instalación abandonada desde fai décadas”, alertan.
Dar exemplo
”O presidente da Xunta, a conselleira de medio ambiente, membros do goberno ceense, ademais doutras persoas paseando por un espazo degradado, en ruinas e con riscos de desprendemento non son precisamente bos exemplos, porque ademais de poñer en risco a súa integridade física, poden servir de efecto chamada para que calquera persoa poida ir visitar ou curiosear as instalacións, polo que desde o Bng imos presentar un escrito no concello pedindo que se obrigue aos donos dos terreos e ruinas a pechar en condicións a zona para que ninguén poida acceder libremente e evitar así riscos innecesarios e que se poida producir pois accidentes graves que poderíancausar incluso a perda de vidas humanas”.