Cee celebra os 100 anos da baleeira de Caneliñas
Hoxe inauguráronse as xornadas “O rexurdir de Caneliñas”, con exposicións, conferencias e actividades para conmemorar o centenario da factoría baleeira do lugar ceense.
Ao longo dos vindeiros dous días, o Concello programou distintas actividades para lembrar esta efemérides, que inclúen a instalación de paneis informativos e unha exposición fotográfica coa historia da baleeira (xa inaugurada na Casa da Cultura), a inauguración dun gran mural adicado ás baleas de Caneliñas na rúa da escola, e un ciclo de conferencias a cargo de expertos como Francisco José Rodríguez, investigador do Centro Oceanográfico de Vigo, Felipe Valdés, doutor en historia e autor do libro “Los balleneros en Galicia” ou Álex Aguilar, catedrático de bioloxía da Universidade de Barcelona, entre outros.
Mágoa non atopar no programa ás novas veciñas Paula Castiñeira e María González, autoras dun dos máis completos documentais sobre a factoría.
A mañá comezaba cunha visita guiada por Alex Agular pola que foi a maior baleeira da península ibérica e a derradeira en pechar en Europa, en 1985.
Xa de volta á capital municipal, o historiador e técnico de Cultura municipal Víctor Castiñeira ofreceu unha charla en clave económica.