Cee maniféstase contra as Preferentes diante de Novagalicia Banco

Este venres 4 de xaneiro, ás 11:30h, a Plataforma de Afectados polas Partipacións Preferentes da Costa da Morte ten convocada unha concentración diante da oficina de Novagalicia Banco en Cee, na Avda. Fernando Blanco.

Unha concentración apoiada desta volta por dous partidos do Concello ceense. O BNG de Cee e a Asemblea Nacionalista de Cee (ANC) veñen de enviar o seu apoio á mesma.

Dende a Asemblea Nacionalista de Cee (ANC), lembra que "no caso de Cee son moitas as persoas afectadas e que nos transladan na rúa e na casa do concello a súa intención de constituírense en Plataforma e levar a cabo distintas accións para defender os seus dereitos".
Así, aseguran que asistirán á concentración, e que colaborarán coa Plataforma costeira, ademais de "instar ao goberno da Xunta á realización dunha revisión dos contratos e dos cuestionarios de idoneidade, para poder declarar nulos aqueles contratos que sexan irregulares". Continúan sinalando que "apoiamos a continuidade da arbitraxe a través do IGC e pedimos a súa aplicación a todos os clientes minoristas", e apunta que o Concello procurará "facilitar información á cidadanía, malia non contar cunha oficina de información ao consumidor municipal".

Pola súa banda, o portavoz do BNG de Cee, Serxio Domínguez, manifesta que “os aforradores e aforradoras foron vítimas dun estafa, engañados polos propios bancos e caixas facéndolle crer que era unha inversión segura, sen nengún tipo de risco, e agora atópanse que a única solución que se lles dá é perder parte do seus aforros para poder recuperar a outra parte do diñeiro que durante anos foron quen de xuntar”.

Domínguez "esixe ao Concello de Cee que abra unha liña de axuda e asesoramento aos afectados como se está a facer en Carnota ou Vimianzo, concellos gobernados polo BNG".

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).
  • Nota de prensa da Plataforma de Afectados de Preferentes e Subordinadas da Costa da Morte, da man de Manuel González.