Venres. 29.03.2024
El tiempo

A Costa da Morte está viva contra as Preferentes

A Costa da Morte está viva contra as Preferentes
Manifestacion contras as Preferentes en Carballo o 26-10-12

Enorme a resposta da veciñanza de Bergantiños á Manifestación convocada pola Plataforma de Afectados polas Participacións Preferentes e Subordinadas na Costa da Morte. O pasado venres, case que un millar de veciños, uns afectados directamente e outros que non pero coa suficiente sensibilidade para compartir a dor e a protesta, tomaron a Praza do Concello de Carballo para protestar e esixir que lles devolvan os seus aforros.

E o fixeron en alto, coa voz dos 5.000 afectados da bisbarra, pero de forma cívica, deixaron claro que queren solucións, e xa. Así o asegurou o mesmo César Cambeiro, actor carnotán sempre comprometido, que asumiu o papel de ler o manifesto (ver abaixo) para todos os asistentes e para os representantes de NovaGaliciaBanco ou os outros bancos implicados.

A boa resposta da veciñanza dá conta de que a xente está comezando a saír do armario, nunha bisbarra que tende a agocharse para non amosar as carencias. Pero como asegura Manuel González, o que fai falta é que haia xente preparada que adique o seu tempo a informar e orientar aos afectados, incitándoos a saír á rúa como o pasado venres fixeron ese case millar de persoas.

Destaca González o apoio das xentes das Plataformas de Morrazo, Vigo, Arousa, Rias Altas, Santiago e A Coruña, que escoitaron os berros de que "Na Costa da Morte si que estamos vivos!".

Vindeiras xuntanzas

Dende a Plataforma indican que farán novas xuntanzas, seguindo as claves da realizada en Camariñas hai apenas un par de semanas para informar aos veciños. Aseguran que farán unha en breve en Vimianzo e mais en Carballo.

E González anima a todo o mundo a que pida máis información a través da Plataforma de Afectados ou, solicitando información a través do mesmo Concello de Vimianzo (OMIC) ou nas dependencias do Concello de Carballo, que estarán ó tanto do día e hora de tal xuntanza).

Manifesto

Cesar Cambeiro lendo o Manifesto da Plataforma de Afectados polas Preferentes na Costa da Morte

Houbo un tempo no que nos ámbitos bancarios a única canción que se cantaba era:

  • E imos contar mentiras… trai lará…

Como isto vai de “contos” vouvos contar un conto:
Había unha vez unhas Caixas nas que a maioría dos galegos tiñan gardados os seus aforros. Acordádesvos? As Caixas tiñan Caixeiros e estaban xestionadas por banqueiros. Había confianza. Era bonito. Nós confiábamos nelas e elas pagábannos esa confianza con obra social: Cultura, centros sociais, apoio a minusválidos, … Non é que fose moito pero un case se sentía recompensado. Víaslle un proveito ó rendemento dos teus cartos e ademais encontrábaste seguro porque che daban conta deles.

Pero amigos, estamos falando de banqueiros, unha raza que nunca vai ter abondo. Todo lles vai parecer pouco! Todos oístes o dito de que “a avaricia rompe o saco”. Pois parece que é un mal propio da profesión de banqueiro ese da avaricia, e que acabou aniñando nos peitos dos xestores das nosas Caixas. E entón estes banqueiros nos que nós confiabamos tanto, algo de máis, polo que se ve, empezaron a esquecerse dos que lles entregabamos os cartos e mais dos servizos sociais que tiñan que devolvernos, e empezaron a pensar que eran os xefes de todo, que eran os donos de todo aquilo, que todo era seu. E así, claro, tamén chegaron a pensar que eran seus os nosos cartos.

Foi aí cando empezou o abuso de confianza e o empeño dos nosos aforros en negocios privados, sen importarlles en que zona do mundo quedasen os beneficios nin a plusvalía dos nosos esforzos e do noso traballo. Se eles, particularmente, saían beneficiados, o risco valía a pena.

Pero arriscaban co noso! Arriscaban os nosos cartos nos seus negocios! Arriscaban os cartos de calquera de nós, sen importarlles a idade: tanto arriscaban os cartos dunha persoa de 90 anos, os aforros dunha vida, como os dunha persoa de 30, os cimentos dun futuro, como os dunha persoa de 9 anos, os aforros da primeira comuñón, ou incluso de xente de 1 ano, os aforros do bautizo. Dáballes igual, son banqueiros, de profesión: sacarlle os cartos a quen os ten.

E teño probas do que digo, porque non o digo eu, dío:
Álvaro Rodríguez, 83 anos veciño de Meira (Moaña). "Nacemos na miseria e imos morrer na miseria".

Dío:
Francisco Marcos González, 66 anos veciño de Cangas. "Nunca crin que volvería coller unha pancarta"

Dío:
Ginés Gómez, xubilado, veciño de Vigo. ”Moitos anos levantándome ás catro da mañá para ir traballar e agora róubanme o que teño”.

Dío:
José Boubeta Fernández, invidente veciño de Moaña. ”O que máis me doe é que perdín a confianza nos bancos; hai que temer por todo".

José Boubeta Fernández faleceu hai pouco tempo en accidente, pero non por iso borrado da nosa memoria nin da nosa loita. Seguimos aquí, José.

Pódeo dicir calquera de nós:
Suso do Morrazo, mesmo. Ou José do Caldo, cando conta: “Dixéronme que tiña os aforros mal xestionados, que rendían moi pouco, que podían dar moitos máis rendementos. Dixéronme que tiñan un prazo fixo con máis interese, con máis xuro, e coa vantaxe de poder retiralos en calquera momento, só avisando con uns días de adianto, eu confiei neles, nesa persoa coa que tiña un trato persoal. Moi achegado, traballando xuntos, sempre man a man, se cadra xogando a partida no bar ou tomando uns viños, veciños de sempre. Como ía eu pensar que me estaban estafando? Non, imposible, había un vínculo de amizade e respecto mutuo; grande, forte. Pero, coma quen non quere a cousa, veu a maldita palabra, empecei a escoitar a maldita palabra:
“Preferentes” unha vez e máis outra “preferentes” “preferentes”… e trouxo outra detrás “Subordinadas”. “Preferentes”… “Subordinadas”… “tóxicos” “mercado secundario” palabras, perdón, que aínda hoxe non sei moi ben o que queren dicir! “Preferentes”… “Subordinadas”… “tóxicos” “mercado secundario” … cal é o seu significado? non o sei! Pero sei que me enganaron. Mentiume o meu veciño de tomar os viños e xogar a partida, ó mellor el tamén estaba equivocado, pero iso non impediu que me estafase o banco, e despois que me abandonase a administración e … seica o Goberno non está para arranxar estas cousiñas, pequeniñas. Está para cousas grandes".

E dío tamén: Pódeo dicir calquera de nós! Os afectados e mais os que nos están apoiando!

Ó ir sabendo o que había, ó ir véndolle as orellas ó lobo, entroume o pánico. O primeiro foi o pánico! Viñeron as noites sen durmir que nunca acababan, e esas palabras raras moéndome a cabeza: Preferentes, subordinadas, secundario, tóxico … Pánico, ansiedade! Non es capaz de comer nada! Non che baixa a comida. Despois veu a tristeza, a desesperanza, a falta de confianza na vida, incluso a vergonza! Porque sentes vergonza de ti mesmo. Como puiden caer nisto? Nesta trampa? Pero despois apareceu a rabia. E agora estou na rebelión! Por iso non quero ver os meus veciños sentindo esa amargura, esa vergonza e ese desprezo por un mesmo. Non nos podemos desprezar a nós mesmos. Non quero ver como todos perdemos as ilusións que naceron dos nosos esforzos. Non podemos chorar máis, temos que quitárnola dor de enriba, berrar, e empezar o único camiño que nos queda: o da reclamación e o da protesta.

Reclamo! Protesto!

O reclamo e a Protesta son as únicas solucións que lle podo encontrar ás queixas desa señora, que podía ser a miña nai, ou dese neno, que podía ser o meu fillo, e que lles caeu o mundo enriba, con isto das preferentes. Temos que poder andar erguidos e orgullosos. Nós non fixemos mal ningún. O peito alto!

E con iso non estamos facendo ningún tipo de política. Nin a babor nin a estribor, nin a un lado nin a outro. Nós non somos políticos. Non se nos pode acusar de estar politizados!

Caixa Galicia, Caixa Nova. Dúas Caixas que fixeron unha fusión tutelada por un goberno da Xunta. Unha fusión triunfalista e aireada nos periódicos. Iso si que foi política, iso si estivo politizado. Finalmente, A unión foi un fracaso. E agóchano! Iso tamén está politizado! E directivos que se van, e indemnizacións! Esa é a vergonza! Non a nosa! Agora o Goberno da Xunta de Galicia mira para outro lado. Esa mirada está politizada! Iso é política!

E están no seu dereito, son políticos! Fan política, para iso están. Pero nós estamos para resolver un problema, polo tanto a nós non se nos pode acusar de facer política. O que nós facemos non é política, Sr. Castellano! A ver se aprendemos a distinguir. Que non debes ser unha persoa tan torpe como para non distinguir a diferenza, porque se foses torpe non estabas onde estás.

Bankia fixo unha mala xestión, aí houbo política! A Bankia inxéctanselle cartos para que non vaia a pique, aí hai política! Europa está cega a unha realidade dramática e patente na que non se quere implicar.
O Banco de España tapou os ollos demasiado tempo diante destes cambalaches e agora tamén mira para outro lado. Aí, en todo iso, hai política! Non aquí. Aquí non!

E podemos pensar: Haberá alguén no mundo que vixíe todo isto e avise a alguén para que non se cometan estes atropelos. Estes timos, estas estafas. Pois si señor, hai alguén, encargado de vixiar que isto non pase. Sebedes quen? A Comisión Nacional do Mercado de Valores. É unha Comisión!

Para vixiar! Que ninguén roube. Hai vixiantes. Que ten que vixiar todo isto. Que ten que impedir estas estafas. Que non haxa produtos tóxicos. Que non se venda droga, nunha palabra. Pois vai esta Comisión do Mercado de Valores … e tamén mirou para outro lado, mentres se facía o mal. E agora quere poñer parches. Tardes piaches, como di o outro. O desta Comisión xa non sei se é política se falta de política. Nós non facemos política, Sr. Castellano.

E xa que me dirixo ò Sr. Castellano. Sr. Castellano, por darlle ideas, ocórreseme agora. penso que mentres non arranxe o problema das preferentes e das subordinadas o seu proxecto de Novagaliciabanco non vai ter futuro. Ocórreseme a min que non entendo, vostede, ó mellor, xa o sabe desde hai tempo. Se realmente quere demostrar, Sr. Castellano, que é un directivo bancario diferente dos estafadores terá que dar solución ós problemas creados polos seus antecesores. O goberno da Xunta de Galicia presume de pagar facturas atrasadas e di que iso é solvencia, vostede non quererá ser menos! Sr. Castellano. O señor Castellano é o director de Novagaliciabanco.

Sabe tamén moi ben que a nosa demanda é xusta e por iso debe atendela e non saír pola tanxente querendo escorrer o vulto dicindo que as protestas están politizadas e que os estafados non son os manifestantes, digo, perdón, que os manifestantes non somos xente estafada. Si que o somos. Non imos aceptar un NON por resposta, imos loitar ata recuperar o que é noso: por dereito, por esforzo e por honrados que somos, nós. Imos loitar ata que Novagaliciabanco entenda que os nosos aforros son sempre nosos e que o seu deber é gardárnolos e dar conta deles, pero nunca dispoñer do noso capital ó seu antollo, nin para negocios particulares nin para que eles mesmos se paguen as súas indemnizacións multimillonarias nin os seus propios retiros.

Hoxe o punto de mira está enfocado especialmente cara á Costa da Morte, porque aquí tamén hai moitos afectados. E aquí imos berrar tamén ben alto que non sodes vós, non somos nós, ninguén é culpable da mala xestión dos banqueiros. Son eles os que actuaron mal. E hai que reclamarllo. Desde a Costa da Morte tamén.

O normal sería que os máximos responsables destes delitos estivesen no cárcere, pero hoxe os delincuentes indemnízanse, e gratifícanse para que non vaian colaborar coa competencia. Todo cos nosos aforros! A verdade é que parece un conto, non me digades. Non somos culpables da súa mala xestión. Son eles os culpables! E, se hai ladróns, son eles os ladróns.

Unha demanda colectiva deste calibre, tamén desde a Costa da Morte, non se pode desestimar dicindo que é unha perda de tempo. Estamos nunha esquina de Europa pero tamén somos Europa e temos que facernos notar. E temos que estar xuntos e temos que evitar que nos dividan. Se Europa acaba vindo ó rescate, Europa vai poñer as normas que lle pareza e aí é cando imos saber a verdadeira dimensión das “Quitas”. Unha Quita é que che quitan parte dos cartos que che colleron. O 70% ou o que eles consideren, xa veremos. E con eses cartos que a ti che quitan pagan o rescate ou pagan o que a eles lles pareza, porque xa os teus cartos pasan a ser seus. Non ás quitas!

Gustouvos os conto?
Pois agora vén a sorpresa: Non é ningún conto!

Protesto! Reclamo!

  • César Cambeiro.

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

  • Redacción de QPC ([email protected]).
  • Nota de prensa da Plataforma de Afectados de Preferentes e Subordinadas da Costa da Morte, da man de Manuel González.

Comentarios