O COAP Costa da Morte volveu denunciar o falso Acordo de Pazo para Palestina
Tremendamente loable o compromiso da xente que onte, baixo a entrada do temporal, atreveuse a saír á Praza 8 de marzo para seguir berrando pola liberdade de Palestina.
Entre o vento e a chuvia, Chicha Martínez, do convocante Colectivo de Apoido a Palestina na Costa da Morte (@coap.costadamorte) liu este manifesto:
Manifesto do COAP Costa da Morte
Tras máis de dous anos de destrucción e matanzas, tras 77 anos de ocupación e xenocidio, o falso Acordo de paz asinado en outubro de 2025 é so unha fase máis da aniquilación do pobo palestino e no roubo do seu territorio.
Un alto ao fogo implica protexer a poboación civil e garantir o acceso ao máis básico para a súa supervivencia: acceso a atención médica, auga potable, alimentos e servizos básicos.
En Gaza, o sistema sanitario foi practicamente destruído: hospitais, centros de saúde, infraestruturas e persoal quedaron devastados tras meses de brutal violencia. Hai máis de 6 millóns de toneladas de escombros, e iso implica que só a súa retirada e limpeza vai levar máis de 7 anos; sen ter en conta a perigosidade desas tarefas, pois hai residuos perigosos, munición sen detonar e restos humanos en descomposición.
Unhas 450 persoas palestinas foron asasinadas por ataque de Israel dende a chegada dese alto ao fogo, entre eles máis de 100 crianzas; hai máis dun milleiro de feridas, que se suman aos milleiros anteriores. Hai máis de 6.000 amputacións que requiren rehabilitación urxente e a longo prazo, das que o 25% son nenos e nenas.
Neste contexto, o acceso de organizacións médico-humanitarias independentes é vital. E nunha demostración máis da crueldade máxima deste xenocidio, Israel vén de impedir o traballo das organizacións que atendían este desamparo, en plena invernía. Limitar e impedir o acceso humanitario expón inda máis a poboación civil, o que é unha fase máis da aniquilación da poboación. As condicións que debería cumprir a primeira fase dese acordo (alto ao fogo, entradade axuda humanitaria, retirada de Israel á chamada liña amarela) non se cumpriron en ningún momento, con ataques armados do estado xenocida de Israel, ,impedimento da entrada de axuda, alteración da liña amarela de suposta seguridade,... todo co apoio e beneplácito dos gobernos do mundo.
Agora veñen de crear o que chaman “xunta de paz para Gaza”, un comité que pretende supervisar o futuro de Gaza, sometendo ao que quede da súa poboación ao seu goberno. É outra fase máis da toma do territorio e expulsión da súa xente. E un insulto ao pobo palestino e a quen traballamos por defender os seus dereitos e a súa dignidade.
O que permitamos que pase en Palestina marcará o destino do resto dos pobos. Neste momento de involución dos dereitos tan longamente pelexados e conseguidos, non podemos deixar de falar do que acontece en Palestina, como tampouco do que acontece noutros lugares do planeta:
A represión letal en Irán e a censura dixital. Ante a mobilización cidadá por unha vida mellor, a resposta é un ciclo de represión letal que deixa miles de persoas asasinadas, de detencións arbitrarias e un corte deliberado de internet que impede coñecer a magnitude real das violacións dos dereitos humanos.
A Garda Revolucionaria Islámica e a policía empregaron armas de xeito ilexítimo e sistemático para dispersar, intimidar e castigar: utilizaron rifles, escopetas con perdigóns, gas lacrimóxeno, cañóns de auga e palizas para reprimir as protestas, cando en ningunha desas situacións existía unha ameaza real que xustificase o uso de armas. Mais a represión non se limitou ás rúas. Realizáronse violacións nocturnas de vivendas, sacaron persoas feridas dos hospitais e moitas persoas foron desapareceron ou foron recluídas en réxime de incomunicación, o que entraña un alto risco de tortura. As mulleres iranís, loitando polas súa liberdade e mais a do seu pobo, son especialmente vulnerables a esta represión da que coñecemos moi pouco. Amnistía internacional documenta unha estratexia coordinada de represión simultánea en todo o país, baixo a orde de actuar “sen clemencia” contra as manifestante. A censura de internet encubre violacións sistemáticas, imposibilita a documentación e a denuncia das mesmas, e permite a intensificación do uso da forza letal de xeito impune.
En Estados Unidos vai un año de terror para as persoas migrantes, ameazadas polo ICE, o brazo executor antiinmigrante de Trump. A policía migratoria opera con inmunidade absoluta mentres persegue, violenta, detén, deporta e mata. As ameazas do seu presidente chegan a todo o mundo, poñendo en entredito a capacidade dos países e dos pobos de defender a súa paz e a súa autonomía. Utilizando a economía ou a forza, o equilibrio da paz mundial está en xogo.
En África a poboación sudanesa sofre a maior das crises humanitarias do planeta, sen que o chamado primeiro mundo mire sequera para ela.
Está en xogo o equilibrio da paz de todas, os dereitos individuais e colectivos, o respecto ás leis que os garanten nos países e na orde internacional.
Palestina libre! Gaza libre!