Familias do IES Agra de Raíces presentan reclamacións individuais por falta de apoios ao alumnado con necesidades
- Alumn@s como Xoel, de 17 anos, ou Inés, de 1º ESO, sofren así os recortes.
Ademais das mobilizacións conxuntas, as familias con fillos e fillas con necesidades educativas especiais (NEE) do IES Agra de Raíces están a presentar reclamacións individuais ante a Consellería de Educación pola falta de persoal especializado.
As familias denuncian que os seus fillos non contan cos apoios imprescindibles para poder ter unha educación inclusiva e en igualdade de
condicións, como garante a lexislación vixente.
Desde Paseniño, a asociación de familias da Costa da Morte creada en 2020 para defender os dereitos do alumnado con diversidade, sublíñase que cada setembro se repite o mesmo escenario: recortes, atrasos e incerteza que deixan aos rapaces sen atención suficiente.
“Levamos anos coñecendo de primeira man as dificultades das familias, acompañámolas e sabemos ben que as necesidades están aí, son reais e non se poden seguir ignorando” , destacan.
"Vidas concretas, dereitos vulnerados"
Entre as reclamacións presentadas, están casos como o de Xoel, de 17 anos, con TEA e hipoacusia severa, que levaba catro cursos con 50 minutos semanais de apoio de Audición e Linguaxe (AL). Este curso, sen previo aviso, pasa de 50 a 0 minutos semanais, deixando ao rapaz sen un recurso esencial para o seu desenvolvemento comunicativo. A súa nai explícao así: “Non pode ser que cada setembro teñamos que volver empezar a loita. O inicio de curso debería ser para acompañar aos nosos fillos, non para suplicar dereitos que xa estaban recoñecidos”.
Outro exemplo é Inés, alumna de 1º da ESO cunha enfermidade rara (CDG-1c), con 65% de discapacidade e gran dependencia, que require apoios constantes: unha PT na aula, un/ha profesional de AL e unha coidadora durante toda a xornada. A realidade é que estes apoios non están cubertos na medida que precisa, polo que a súa integración e benestar no centro quedan gravemente comprometidos.
E non son casos illados: numerosos alumnos NEAE (TDAH, dislexia, dificultades de aprendizaxe, vulnerabilidade social...) que en primaria recibían apoio de PT e AL, ao chegar á secundaria perden eses recursos, xusto cando as esixencias académicas aumentan. As familias denuncian que, así, os seus fillos quedan atrás, sen as mesmas oportunidades de progreso que o resto.
Cada setembro, volta á loita
As nais e pais insisten en que esta situación non só afecta ao futuro educativo dos seus fillos, senón tamén á súa saúde mental e emocional.
“É moi duro ver como sofren, como queren avanzar e non poden porque lles faltan os apoios básicos. E tamén é duro para nós: vivimos cada setembro con ansiedade, con medo, sen saber se os nosos fillos estarán atendidos”, explican.