Familias e Asociación Paseniño denuncian a situación límite do IES Agra de Raíces por masificación e falta de recursos de apoio

Un ano máis, a volta ás aulas non se fai con normalidade en Cee, por mor dos recortes en educación. Un grupo de familias do IES Agra de Raíces, xunto coa Asociación Paseniño, denuncian publicamente" a situación límite na que está o centro polo exceso de alumnado nas aulas e a falta de profesionais de apoio", o que aseguran "impide garantir unha escolaridade segura e de calidade".
As familias queren deixar claro que non aceptan estas condicións e mobilízanse xa neste primeiro día de volta ás clases, cunha concentración ás 8:30h ás portas do centro ceense.
Grupos masificados e falta de mínimos en 1º ESO
O alumnado de 1º da ESO quedará repartido en dúas aulas, unha con 30 estudantes (no máximo permitido) e outra con 25, na que se sitúan varios nenos con necesidades educativas especiais que contan como dous ou tres na ratio, polo que ambas clases xa están no límite legal.
“As medidas actuais abogan por reducir ratios para mellorar a calidade educativa. No noso instituto, en cambio, mantéñense grupos no tope en 1º da ESO, con aproximadamente un terzo do alumnado con necesidades educativas de diversa índole, precisamente cando os rapaces chegan a unha etapa de cambios académicos e persoais que require máis atención ca nunca”, explican as familias.
En canto a recursos, a situación é moi grave: o instituto comeza o curso con só unha coidadora e unha mestra de Pedagoxía Terapéutica (PT), cando o ano pasado, con moitas menos necesidades, había unha coidadora e dúas PTs. "Arrincar o curso nestas condicións, sen cumprir nin os mínimos, é inaceptable e pon en risco a atención, a seguridade e o futuro do alumnado", denuncian, esixindo "un mínimo dúas coidadoras, catro PTs e reforzo no Departamento de Orientación, petición xa trasladada polos responsables do centro á Consellería, pero á que de momento non tiveron resposta.
Paseniño: dereitos vulnerados
Paseniño, asociación que defende os dereitos dos nenos e nenas con diversidade, alerta de que esta situación vulnera a normativa de atención á diversidade e compromete a autonomía do alumnado máis vulnerable. “Estamos a falar xa case de
supervivencia, cando teriamos que falar de aprendizaxe”, advirten.
A asociación denuncia que, mentres se recomenda reducir ratios e reforzar a inclusión, en Cee faise xusto o contrario: recórtanse profesionais e obrígase a alumnado con necesidades a integrarse en aulas masificadas, condenando tanto ao seu fracaso como ao do resto da clase. Engaden que, cos recortes acumulados dos últimos anos, “os nenos con necesidades están a quedar fóra do sistema educativo ordinario”.
“Cando o meu neno empezou a estudar fai 15 anos había máis recursos e máis posibilidades de inclusión ca hoxe. Estamos retrocedendo en dereitos cada ano que pasa. Non imos permitir isto: iremos ata os xulgados se fai falta”, afirma unha nai.
Solicitan reunión urxente co Xefe Territorial
Familias e nais da Asociación Paseniño solicitan unha reunión urxente co Xefe Territorial de Educación para expoñer a gravidade desta situación e esixir unha actuación inmediata, xa que non se pode seguir así nin un día máis. Reclaman dotación de PT, AL, persoal coidador e reforzo en orientación, así como reconsiderar a organización de grupos para garantir a atención do alumnado.
Ademais, anuncian que nesta semana se reunirán cos responsables do instituto, cos pais do centro doutros niveis educativos e con ANPAs doutros centros para acordar medidas conxuntas. Se a situación se mantén, avanzan que non están dispostos a levar os seus fillos ao instituto, xa que xa que non se garanten uns mínimos para o dereito á educación en condicións dignas nunha etapa clave do seu desenvolvemento.
Máis novas