A Federacións de ANPAS da Coruña-Costa da Morte fai un chamamento á manifestarse contra a falta de profesorado auxiliar
Pasados dous meses e medio de curso e continúan as mobilizacións en toda a comarca contra os recortes no ensino público. Este ano, o gran cabalo de batallo das comunidaes escolares é a carencia de profesorado especialista de Pedagoxía Terapéutica (PT) e Audición e Linguaxe (AL), así como con falta de persoal coidador, o que vulnera o dereito do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo a unha escolarización en condicións de igualdade.
As familias de Cee e Muxía, nomeadamente, teñen saído á rúa para denuncialo, e contan xa co apoio da Federación de Anpas da Coruña-Costa da Morte, que ten claro onde poñer o foco. "A política de recortes aplicada pola Consellaría de Educación tradúcese na non cobertura de prazas imprescindíbeis, na redución de perfís especializados e na sobrecarga do profesorado xa existente, que se ve obrigado a asumir funcións para as que non foi contratado nin conta cos recursos necesarios. Esta situación está a provocar que moitos grupos inicien o curso sen o profesorado PT e AL que lles corresponde, cun impacto directo sobre o alumnado con necesidades educativas especiais e sobre o conxunto das aula".
Ante esta situación a Federación de Anpas da Coruña-Costa da Morte fai un chamamento ás familias, profesorado, representantes dos concellos e asociacións a acudir o vindeiro luns 8 á concentración que terá lugar en Cee ás 17:00 horas.
Poucos auxililares, peor situación para os Coidadores
A falta de profesorado PT e AL vese agravada pola insuficiencia e precarización do persoal coidador, ao que se lle está a derivar, de maneira inxusta, parte da responsabilidade na atención do alumnado máis vulnerábel, sen a formación nin o recoñecemento profesional que correspondería. Ao tempo, limítanse os desdobres, increméntanse as ratios e xeneralízanse instrucións internas que impiden unha correcta organización dos recursos de atención á diversidade, mesmo cando a realidade do centro e do alumnado xustificaría reforzos específicos.
"Esta combinación de recortes e mala planificación está a comprometer seriamente a calidade do Ensino Público Galego, ao tempo que obriga a moitas familias a recorrer a servizos privados de apoio, xerando unha fenda cada vez maior entre quen pode pagar atención externa e quen non", explican. "A escola pública, que debería ser o principal garante da igualdade de oportunidades, vese así convertida nun espello das desigualdades sociais, no canto de ser unha ferramenta para combatelas", afirma a FEDANPAS. "As familias estamos fartas de promesas incumpridas, de que non se nos escoite e de que se nos desprece por reclamar o que aos nosos fillos e fillas lle corresponde por dereito".