xoves. 02.10.2025
El tiempo

As familias dos coles de Muxía consideran un "engano" as falsas promesas da Inspectora de Educación ante as protestas polos recortes

Familias de CIP Virxe da Barca na concentracion de Cee
Familias de CIP Virxe da Barca na concentracion de Cee
As familias dos coles de Muxía consideran un "engano" as falsas promesas da Inspectora de Educación ante as protestas polos recortes

Continúan as mobilizacións das comunidades escolares da comarca ante a pasividade da Xunta. 

Unha das zonas máis afectadas é Muxía, onde xa o pasado 19 de setembro de 2025 nais afectadas polos recortes nos centros educativos de Muxía — o CEIP Virxe da Barca e o CEIP dos Muiños— trasladaron á inspectora educativa Isabel García Vila a súa preocupación polos importantes recortes na educación inclusiva que están a sufrir estes centros. Durante a entrevista falaron de como a falta de profesorado de apoio para os seus fillos repercutiría negativamente na súa formación e condicionaría non so a adaptación a outras etapas senón tamén o seu desenvolvemento.

Durante a reunión expuxéronlle tamén os problemas co incumprimento das ratios no CEIP Virxe da Barca e que co o recorte de persoal levado a cabo en caso de que un profesor ou profesora se ausente por imprevistos ou doenzas leves, non habería sequera quen acompañase ao grupo de alumnado afectado.

A resposta da inspectora, Isabel García Vila, foi que faría todo o posible para mellorar a situación. Explicou que proporía destinar un PT (profesor/a de apoio) compartido entre os centros de Os Muiños e Muxía, mantendo así as mesmas horas de atención que no curso pasado (o curso 2024-2025 os centros tiñan este PT asignado, mais este curso foilles recortada esa plaza).

A inspectora solicitou ás familias un prazo de dúas semanas para darlles unha resposta definitiva. Porén, transcorrida menos dunha semana, informou a un dos centros de que non se enviaría ningún recurso adicional a Muxía nin aos Muiños, argumentando que “estabamos ben como estabamos” e confirmando que se mantería a situación actual durante o curso 2025/26.

As familias consideran esta actuación "un engano", xa que perciben que a petición dos 15 días foi unicamente unha manobra para gañar tempo e non unha vontade real de resolver os problemas expostos. "Os recortes e a falta de recursos específicos afectan directamente ao alumnado con necesidades educativas especiais, comprometendo o seu dereito a unha educación inclusiva e de calidade", sentenzan.

Por todo isto, as familias afectadas queren facer público o seu "rexeitamento a esta decisión e a esta forma de actuar e solicitan ás autoridades educativas unha solución urxente que garanta os recursos necesarios, permita que se respecten as ratios legais e cumpra co compromiso adquirido coas familias para o curso escolar en curso". Consideran que "non é admisible recortar na atención ao alumnado máis vulnerable e anuncian mobilizacións, se non se da unha solución, ata que a administración rectifique".

Máis novas sobre os recortes

Comentarios