As familias de Muxía levaron as súas demandas contra os recortes do ensino á Coruña
As familias do CEIP Virxe da Barca e CEIP Os Muiños (Muxía) participaron nesta mañá de mércores 29 de outubro na manifestación nacional desenvolta na Coruña no marco da folga do profesorado de 48 horas convocada polos sindicatos CIG-Ensino e STEG.
"Queremos facer pública a nosa profunda preocupación pola situación que está a vivirse nos nosos centros educativos cando xa levamos case dous meses de curso escolar", sinalan as propias familias, que aproveitaron para presentar as súas demandas, acompañadas de máis de 1.000 sinaturas, por escrito na sede da Consellería de Educación no barrio de Monelos.
Lembran que vén pedindo dende o inicio de curso a incorporación dunha persoa máis para Pedagoxía Terapéutica (PT) que atenda os tres colexios muxiáns e que se cumpran as ratios en Educación Infantil co obxectivo de cubrir as horas que quedaron descubertas polos recortes que Educación fixo este ano nos centros.
Estas demandas foron xustificadas ante a Consellería de Educación nas persoas da inspectora da zona e do inspector xefe e, porén, foron denegadas reiteradamente mentres "se nos engañaba pedindo tempo para buscar solución que non chegaron".
Deixan claro que "os recortes no sistema educativo e, moi especialmente, no ámbito da inclusión e a atención ao alumnado con necesidades educativas especiais (NEE) e necesidades específicas de apoio educativo (NEAE), están a afectar gravemente o funcionamento dos colexios e o desenvolvemento deste alumnado. Esta situación non é un caso illado, pois tamén se está a producir en concellos vecinos sen que se adopten medidas para solucionalo".
"Neste momento os docentes especializados cos que contan ambos centros están totalmente saturados, sen horas nin dispoñibilidade para ofrecer unha atención axeitada ao alumnado que máis o precisa. As consecuencias desta falta de recursos recaen directamente sobre os nosos fillos e fillas que ven limitadas as súas oportunidades de aprendizaxe e a atención especializada á que teñen dereito", describen.
"As familias hai tempo que solicitamos reunións coa inspectora da zona e co inspector xefe de Educación -e cónstanos que tamén as dirección lles trasladaron que era precisa a dotación de profesorado especialista (PT)- sen obter ata o momento ningunha solución. Cómpre lembrar que xa houbo unha reunión previa coas ANPAS da inspectora e outra co inspector xefe na cal non se obtivo ninguna solución nin aclaración concreta. A única resposta recibida, posteriormente, por correo electrónico, foi que “xa esta todo solucionado”, algo que non se corresponde co que se vive nas aulas diariamente", lamentan.
Manifestación
Por todo iso, moitas familias muxiás desprazáronse á para protestar diante da Delegación de Educación da Coruña, xunto co profesorado, que estaba tamén demandando unha atención ao rural e que se cubran as prazas de PTs. Solicitan de novo unha reunión coas autoridades e queren "unha resposta e unha solución real que garanta unha educación inclusiva e de calidade para os nosos fillos e fillas".

