O Mes da Fundación celebra o 150 anivesario do pasamento de Fernando Blanco con nomes de luxo
Neste 2025 cúmprense 150 anos do pasamento de Fernando Blanco de Lema, o 5 de abril de 1875. O mesmo día no que ademais nacía a entidade que leva o seu nome.
Por iso, este 2025 é un ano especial para a Fundación Fernando Blanco de Lema de Cee que, coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña, da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e de Xallas Electricidade e Aleacións (XEAL), desenvolverá ao longo da parte final do mes de setembro e durante o mes de outubro a XIIª Edición do Programa Educativo Cultural “O Mes da Fundación”.
Un ciclo que achega á vila da Xunqueira nomes tan representativos da narración oral galega como Quico Cadaval, Manuel Gago, Cándido Pazó ou Rafael Quintía, e da música como Sés ou Antía Muíño.
O Mes da Fundación
O Programa “O Mes da Fundación” nacía no ano 2013 cando os daquela integrantes do Padroado da centenaria entidade ceense decidiron celebrar dun xeito especial o mes de outubro por ser este un mes cargado de simbolismo para a Fundación e para a vila de Cee, pois nel aconteceron dous dos feitos mais relevantes da recente historia da vila: o nacemento de Fernando Blanco de Lema un 18 de outubro de 1796 e a inauguración do Instituto que merecidamente leva o seu nome un 2 de outubro de 1886.
Dende a primeira edición do ano 2013 e ao longo das posteriores que se celebraron de xeito ininterrompido, agás a edición de 2020 que se tivo que cancelar por mor da pandemia, pasaron por Cee personalidades relevantes nas súas distintas áreas de traballo a nivel autonómico, nacional e internacional, compartindo o seu saber con todos os asistentes ás distintas actividades que se programaron. Historia, ciencia, literatura, medicina e un longo etcétera foron algunhas das temáticas abordadas nas edicións pasadas, tendo sempre un protagonismo destacado a música e o teatro, por seren ambas as dúas grandes herdanzas culturais que naceron ao abrigo dos centenarios muros de pedra do Instituto Fernando Blanco e que hoxe, mais dun século despois, seguen a estar moi vivas e presentes no día a día da nosa localidade.
A Edición 2025 volve cas dúas liñas: nos coles e no auditorio para todos os públicos
A estrutura desta XII edición é similar a de pasados anos, aínda que mais extensa no tempo e en propostas, artellándose un programa específico para os distintos niveis educativos de tódolos centros educativos do Concello de Cee, así como para a Asociación ASPADEX, a desenvolver en distintos días lectivos do mes de outubro, e outro programa para o público en xeral que se desenvolverá os sábados 20 e 27 de setembro e os sábados 4, 11, 18 e 25 de outubro ás 20:30 horas no Auditorio Baldomero Cores da Casa da Cultura de Cee, así como unha xornada de clausura que terá lugar, desta volta, no salón de actos do I.E.S. Fernando Blanco o domingo 26 de outubro a partires das 18 horas.